Cartas al director

O Cinema Paradiso existe... en Leiro

O pasado 26 de xuño comezaron a súa actividade algunhas salas de cine (non precisamente as de Ourense capital). Para celebrar a reapertura a maior parte tiñan na carteleira o inesquecible e laureado filme do director italiano Giuseppe Tornatore “Cinema Paradiso”. E entre elas o Novocine de Leiro de Ernesto Romero. O cine do Ernesto ten aínda o encanto das antigas salas e a súa dedicación a este negocio en circunstancias as máis das veces adversas, mesmo asemella ser máis por afectividade que por rendibilidade. De feito, na sesión das 18:30 do sábado estabamos catro persoas e cónstame que na do domingo a mesma hora, seis. Prezo 5 euros… Por certo que as medidas de seguridade que requiren as actuais circunstancias cúmprense rigorosamente. Mantén o home un trato de proximidade cos asistentes, saudándoos á entrada e despedíndoos á saída. Entra na sala para preguntar se estamos a gusto e mesmo, ao remate, pode compartir comentarios sobre a película.

Ernesto comezou moi novo no mundo do cine e foi proxector en diversas salas da empresa Fraga en Ourense e Vigo; tamén no antigo “Cervantes” de Vilagarcía de Arousa. Tivo daquela algo de Totó e algo de Alfredo, entrañables protagonistas da película cos que podería sen dúbida identificarse.

Coido que xa é hora dun recoñecemento público ao labor deste home. E o marco máis doado sería a vindeira edición do OUFF que, por certo, podería incluír ao Novocine de Leiro como unha das salas de referencia. Ben merece tamén un recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual nos Mestre Mateo pola súa traxectoria.