Cartas al director

O Cineclube: Sobrevivindo 50 anos

O cineclube Padre Feijoó constitúe un dos lugares culturais de Ourense que permanecen a pesar dos anos, e no seu 50 aniversario, lémbrase a súa importancia no desenvolvemento da cultura cinematográfica ourensá, xa que malia os difíciles tempos actuais para os cineclubes, proxectan cada ano entre 90 e 100 películas atraendo a máis de 700 membros que poden gozar da súa celebración coa proxección dun ciclo de 50 películas de tódolos tempos. 

Ourense é unha cidade cunha longa e importante tradición cinéfila, xa que incluso dende anos anteriores ó cineclube existían varios cines ós que podían asistir persoas de tódalas clases sociais e de diferentes idades o que xeraba cada vez máis interese pola cultura cinematográfica, e por isto, xeráronse iniciativas como o Festival de Cine Internacional de Ourense ou OUFF (Ourense Film Festival) que, do mesmo xeito, é apto para todo tipo de público ano tras ano.

Por este motivo o cineclube creouse no ano 1970 na Escola de Maxisterio de Ourense, coa idea de ter unha gran sala que permitise ver filmes de xeito colectivo, dirixida a tódalas persoas que cultivaran o seu amor polo cine; malia que no momento da fundación, as restricións á liberdade por parte da ditadura xa existían e o cine era unha das actividades vistas con resentimento, e por isto, o cineclube tivo que solicitar permisos para proxectar determinadas películas e tamén ter coidado coas palabras e a linguaxe dos carteis promocionais. Porén, lograron realizar actividades, en certo modo, contrarias ó réxime ditatorial, como por exemplo, as xornadas de cine de 7 nacionalidades, que permitiron aos espectadores, durante 6 edicións, ver outro tipo de liberdades, moralidades e costumes, que era o propósito dos seus creadores. 

Co paso dos anos, a promoción de novas películas dun xeito máis comercial coa influencia das redes sociais que xera gustos cinematográficos segundo as tendencias da moda, e engadindo as novas plataformas en internet, a demanda de cine en teatros diminúe, con todo, a supervivencia destes espazos dependerá dos cinéfilos e cinéfilas, que aínda demandan no cine colectivo obras íntegras, menos comerciais aínda que se consideren menos populares e desexan seguir vendo outras realidades, outros mundos na súa versión orixinal.