Cartas al director

Pranto e dor por Manolo de Dios

En San Xes da Rabeda/ laiábanse os carballos/ nun venres trece/ dun Santos treboento;/ os folgos do seu fillo/ ficaron quedos...

Agalloupando montes e lameiros/ chegou a desdentada/ contando os cinco aramios do papel pautado/ pra que nunca máis/ puxeras os negriños/ acompasados, afinados,/ cheos da verdá e Poesía...

Dende San Xes a Albán/ calaron os paxaros./ A chuvia non pode borrar/ as bágoas de chumbo quente/ que esbaran polas meixelas avermelladas,/ a dor enche o peito de anguria/ dos “vellos amigos” que lembran a túa ausencia/ agardando que atopes quen che dé/ un facho aceso que alumeé o vieiro/ pra que non te perdas no Alén.

Alí seguirás facendo música e poesía./ Todas as lúas do mundo/ de Lorient a Buenos Aires/ choran o teu debalante,/ fican orfas, sin folgos, sin música/ que as faga encher/ hastra sere pandeiros de romarías,/ de troulas, de ledicias, pra seren o vieiro dunha Terra amortecida.

Pranto e dor da Virxe do Portovello,/ pranto e dor nas terras do Carballiño,/ pranto e dor nas augas do río Miño,/ pranto e dor con Ourense ó lonxe no solpor,/ pranto e dor no Cristo e na Ponte,/ pranto e dor nas augas ferventes,/ pranto e dor no corazón do vento,/ pranto e dor no corazón da namorada,/ pranto e dor dos ourizos esmagados nas estradas,/ pranto e dor, vai a tímida Lia, soia, atristurada polos montes sen a compaña do cazador,/ pranto e dor pola morte dun amigo,/ pranto e dor, ficou mudo o reiseñor.

Durme, acouga, voa,/ ¡tamén morren as estrelas!