Cartas al director

OBITUARIO | María Esther Cortés: grazas, mestra!

A finais do pasado mes de marzo, María Esther Cortés Álvarez deixounos fisicamente. 

Doenos a súa falta, e a maiores, desafortunadamente, unha enfermidade desapiada privounos, nos últimos anos, de seguir mantendo con ela a relación que adoitaramos durantes décadas. Unha relación que fora amistosa, cordial e agradecida con nós, como era con cantos a coñecemos e a tratamos, a aínda máis cos que tivemos a sorte inmensa de ser alumnos na súa escola a finais da década dos anos sesenta.

Cando, hai xa máis de oito anos, me preguntaron nunha entrevista de prensa quen foi o profesor ou profesora que máis influira na miña traxectoria, non o dubidei nin un intre: "Esther Cortés, a miña mestra dos seis aos dez anos, a quen lembro a cotío con agradecemento, polas súas primeiras leccións na unitaria de Pereda, pero tamén polo afecto demostrado comigo ao longo do tempo. Lémbroa dicíndome: Monchito, tú tienes que leer mucho, que a ti se te da muy bien, tan ben coma se fose onte mesmo. E cando me deron o premio Blanco Amor pola miña primeira novela, ela oiuno pola radio e chamoume case chorando, para me comentar o feliz que estaba. Aquilo chegoume moi dentro". 

Da traxectoria de Esther e do seu home Joaquín Rebolledo, grandes persoas, e sinxelas coma todos os seres excepcionais, tense falado moito. Eu podería estenderme aínda, se non fose que as palabras non son quen de dar conta das sensacións asociadas á súa lembranza. Hai persoas que nos fan ser mellores, eles érano. Estou certo de que, se Esther non tivese sido a mestra da miña escola, a miña vida non sería a mesma. Ou alomenos, o meu aprezo pola literatura, pola escrita e polo traballo repousado e ben feito non se tería desenvolto do mesmo xeito. 

Conservo desde hai máis de cincuenta anos as vellas libretas escolares, en cada unha delas, na súa primeira páxina, escrita con tinta vermella de bolígrafo, novidade daquela porque o resto dos cadernos están escritos cun pluma e coa tinta xa difuminada polo paso do tempo, están escritos con letra precisa e nídia o meu nome, curso e data, da man de María Esther Cortés Álvarez, a miña primeira mestra. Seguramente a miña única mestra, no sentido preciso da palabra mestra. Unha libreta para cada mes do ano. O contido das libretas é o mesmo da Enciclopedia Escolar vixente daquela. Mais só ao miralas, e fágoo con frecuencia, afágame a emoción, porque maxino que algo do espírito de Esther Cortés segue dalgún xeito nelas. Comigo e cos outros que gozamos do privilexio de ser os seus alumnos e alumnas naqueles xa afastados días, de invernos grises e fríos, na escola unitaria de Pereda (Cea), hoxe desaparecida. Algo, unha faísca, de tanta xenerosidade, entrega, cariño e bo facer que ela sementou en nós quixera ter deixado eu nos meus alumnos ou lectores. Non sei se serei quen. Pero o mérito de eu tentalo é todo dela. 

Ata sempre, Esther, e grazas!n