Cartas al director

A segunda onda do covid-19 será un desastre para todos

O ter que elixir entre a economía ou a saúde é unha decisión que tiveron que tomar moitos gobernos. 

No caso de España, tocoulle tomar as decisións a Pedro Sánchez, pero púidolle tocar a outro e pasaría o mesmo. O máis lóxico é que nestes intres  a oposición non tería nin que existir, tódolos partidos que teñen respresentación no Parlamento terían que unirse polo ben do pobo  e ser menos egoístas, e refírome a todos dende o PP e Cidadáns, ata os partidos que din ser independentistas; mesmo aos actuais socios que ten Sánchez, si, Unidas Podemos, xa que ultimamente o señor Pablo Iglesias parece estar un tanto confuso. Seguramente o batacazo que levaron nas pasadas eleccións en Galicia e Euskadi axudáronlle a ver que moi pronto, e como isto siga así, pode mesmo non chegar a comer o turrón como vicepresidente do Goberno.

Señores/as políticos: por unha vez, non sexan tan egoístas, deixen ao carón os seus egos e diferenzas e pensen en tódolos que vivimos aquí. Moita xente, pero que moita, está a pasar fame, as colas do paro van aumentar e ninguén ten solucións máxicas. Deixen de facer tantas promesas e, por unha vez, céntrense e pensen  que o pobo os votou para que o sirvan, non para que vivan á conta do mesmo.