Cartas al director

A creación dunha controversia

Cando se politizan todos os aspectos da vida o que adoita acontecer é a exaltación desmedida das emocións, provocando que a análise crítica derive nunha caricatura da realidade no que as paixóns propias prevalecen sobre a obxectividade.

Un dos asuntos sobre o que se está a polemizar é a lei do só si é si, a pesar de que na súa tramitación e aprobación no Parlamento e no Senado ningún partido alegou irregularidades.

A controversia radica no goteo continuo de rebaixas de penas debido ao seu carácter retroactivo, como indica o artigo 2.2 do Código Penal. Isto prodúcese porque os delitos de abuso e agresión sexual fusionáronse nos de agresión sexual, polo que os intervalos punitivos tiveron que aumentarse para tipificar os diferentes delitos. Por conseguinte, hai penas que se reduciron, por exemplo a pena mínima para o novo delito de violación pasa de seis anos a catro, cando non se empregue violencia nin intimidación. Como consecuencia, estase a revisar as condenas e isto induce a que certos colectivos afirmen que os tribunais e o poder xudicial ten un sesgo conservador e machista, consubstancial ao heteropatriarcado e ao franquismo sociolóxico.

Nesta loita polo relato, o Ministerio de Igualdade liderado por Irene Montero está sufrindo un acoso permanente por unhas declaracións desafortunadas sobre o carácter da xudicatura. A ofensiva contra este Ministerio é frecuente dende que a ministra tomou posesión, chegando incluso a intentar derribalo e acabar coa axenda feminista. Froito destes ataques furibundos é a realidade social dunha poboación que aínda non comprendeu que non existe progreso sen sermos feministas, xa que o feminismo, en contra do que algúns anuncian, é a loita pola igualdade real, e non só formal, entre as mulleres e os homes.

A día de hoxe aínda existe a brecha salarial, o teito de cristal, os comportamentos sexistas e os micromachismos contra as mulleres. Polo tanto, mentres non se cambie isto, endexamais lograremos saír da nosa cova prehistórica e de abolirmos as relacións de dominación que, desgraciadamente nalgúns casos, acaban no asasinato de mulleres polo simple feito de selo, que é o que se denomina como violencia machista, non con calquera outro eufemismo que pretende ignorar esta realidade. A finalidade destas accións é que a xerarquización social onde o home é o dominante e a muller o suxeito pasivo e reprimido sigan imperando, mais se queremos ser unha sociedade civilizada e racional deberiamos acabar con esta estrutura arcaica e retrógrada que só contribúe a escravitude da humanidade en cárceres a ceo aberto.