Cartas al director

Operación Quilo: Xa nos tes aquí...

Porque neste Nadal máis ca nunca, moitas familias da nosa cidade “precisan da paga extra” que sempre foi a Operación Quilo.

Porque sabemos como traballar de forma segura, con medidas hixiénicas e de seguridade, con protocolos avaliados, deixando tres días en corentena todo o que se doe...

Porque non queremos que a crise sanitaria oculte a crise económica e social que estamos a vivir.

Porque queremos “quilaborar” non soamente co diñeiro do peto, senón co corazón, coa cabeza e coas mans. 

Porque queremos ser sensibles e ser persoas críticas con este mundo falto de xustiza social e cun mal reparto das riquezas.

Porque tamén queremos dedicar horas da nosa vida a axudar as persoas da nosa contorna.

Porque hai unha mocidade e unha rapazada que se comprometen e dan a cara por unha grande causa: loitar por unha vida digna para toda persoa.

Xa nos tes aquí, onde nos vés atopando sempre desde hai 34 anos...

Nos supermercados onde nos deixan colocar un carriño solidario para que poidas deixar alimentos de longa caducidade cando vas facer a compra.

Na entrada dos supermercados onde non nos autorizan a colocar un carriño solidario, durante unha fin de semana, con mozas e mozos que vos piden “quilaboración”.

Nos establecementos abertos que teñan no mostrador un peto no que poderás botar unhas moedas.

Nas organizacións e entidades colaboradoras nas que poderás deixar a túa doazón en forma de alimentos e/ou xoguetes deixándoos nas caixas identificadas co logo da Operación Quilo.

Nas perruquerías, nas que te animarán a “quilaborar” deixando un donativo.

Na túa casa, só se nos chamas, para que vaiamos buscar alimentos e xoguetes que queres doar pero non podes achegar ti.

Nos poucos eventos deportivos que se organicen neste tempo de pandemia. Alí estaremos presentes tamén para que poidas deixar alimentos.

Nos locais de Amencer, abertos mañá, tarde e tardiña, para que poidas achegar quilos de alimentos, xoguetes ou diñeiro.

No outro lado do teléfono ou do correo electrónico da nosa Asociación, para atender as túas dúbidas, indicarche como podes botar unha man, indicarche o código para que poidas “quilaborar” cunha doazón a través de bizum, facilitarche o número de conta para facer ingresos indicando que son para a Operación Quilo...

Non temos medo, pero si prudencia e compromiso.

Non temos reparo en pedirche a túa axuda, porque é para a túa veciña ou o teu veciño, para as familias do teu barrio, ou tal vez para ti...

En Ourense hai moitas persoas que precisan da túa axuda. Vémonos nos frontes desde os que combatemos a pobreza, contamos contigo!

Comercios, entidades, eventos, deportivos, sede de Amencer..., no teu corazón!

Ti que podes quilabora! Sempre e este ano máis ca nunca! Xa nos tes aquí!