Adeus ao ex-coralista Antonio Barreira Gómez da coral De Ruada

OBITUARIO

O histórico tenor de De Ruada, libreiro de profesión e referente da vida cultural ourensá, dedicou 55 anos á Coral e foi distinguido como coralista de honra e coa medalla Marcial del Adalid.

Antonio Barreira Gómez da coral De Ruada.
Antonio Barreira Gómez da coral De Ruada. | Coral De Ruada

Onte, de madrugada, faleceu o ex-coralista Antonio Barreira Gómez.

Barreira, como todos lle chamabamos, entrou na Coral De Ruada en 1957 e deixouna en 2012, despois de 55 anos de militancia ruadista encadrado na corda de tenores. Polos moitos anos de servizo a De Ruada, polo seu compromiso e pola súa lealdade coa Coral foi nomeado en 2006 coralista de honra, coa correspondente insignia de ouro. Ademais, foi distinguido coa medalla Marcial del Adalid pola longa dedicación á actividade musical que concede a Real Academia de Belas Artes. Foi, polo tanto, un dos membros históricos e senlleiros da Coral.

Era unha persoa moi coñecida na nosa cidade pola súa pertenza á Coral, pero tamén pola súa profesión de libreiro, primeiro na librería de La Región durante moitos anos e máis tarde en Meiga e na súa propia Librería Barreira.

Despois de deixar a Coral adoitaba asistir, moi emocionado, ao tradicional concerto de Reis na Igrexa das Caldas. Hai uns meses tiven ocasión de visitalo, acompañado do común amigo e coralista Gerardo Gómez, e comprobamos como seguía pola prensa, con gran interese, as distintas actividades da Coral.

Cando entrei na Coral, en 1996, Antonio foi para min unha especie de mestre e titor, relación que, pasando o tempo, converteuse nunha amizade que mantivemos sempre, pola que a nova do seu falecemento supuxo para min un duro golpe difícil de encaixar.

Para a súa dona Mercedes e o seu fillo Marcos, o meu máis fondo pesar e o de tódolos membros da Coral.

Descanse en paz na compaña dos xa moitos ruadistas do Alén.

Contenido patrocinado

stats