Entroido 2020

Xinzo, o outro Entroido | A adiviña

Trataba de facer con este número unha demostración de adiviñanza cara ao público para logo venderlle solucións

Debía ser sobre o ano 1964. Este foi un número moi laborioso, de moitos días de intenso  e  especial traballo. Trataba de facer unha demostración de adiviñanza de cara ao público para logo venderlle unhas papeletas cos remedios para cada unha das súas preocupacións e doenzas.

Para conseguilo fixen un gran cartel que dicía: "Ceferina, la que todo lo adivina .Por una sola peseta soluciona tu papeleta", sostido por dous barrotes, un en cada extremo atado nunha cadeira abatible para que quedara ben visible. Sobre a base da cadeira, unha caixa grande de cartón con distintos departamentos con papeletas para cada un dos remedios: problemas amorosos, enfermidades, traballo, familia e algún máis que non lembro. De cada unha das especialidades había 15 ou 20 papeletas, todas elas dando solución os seus problemas, case que sempre con retranca. Estaban feitas todas elas a máquina.

As adiviñanzas, como e lóxico, tiñan o seu truco. A compañeira que necesitaba tiña que facer varias demostracións cara o público de forma convincente, cos ollos completamente tapados. O truco consistía nun xogo de palabras que tiñamos que memorizar entre os dous, sen fallos. Poño un exemplo: unha vez cos ollos ben tapados a compañeira, diríxome a unha persoa do público. Se dicía este "cabaleiro", a palabra cabaleiro tiña un significado (viúvo). Polo que eu preguntaba se este cabaleiro é solteiro ou casado. Ela contestaba que nin é solteiro, nin casado; é viúvo.

Outro exemplo: se preguntaba a miña compañeira se esta " dama"… de que cor leva o abrigo? Ao dicir a palabra dama, xa sabía o que tiña que contestar: esta dama non leva ningún abrigo, senón unha gabardina.

Se en lugar de dicir dama, dicía esta "señora", xa sabía que quería dicir que estaba solteira. Entón, ao preguntar se esta señora está casada ou viúva, contestaba que esta señora é solteira, e así unhas cantas máis referidas a outras cousas, como este señor en que rúa de Xinzo vive. Ao dicir a palabra "señor", a compañeira xa sabía o que tiña que contestar, que este señor non vive en Xinzo , vive en Alemaña e está de vacacións. De xeito que o estar ben compenetrados, acertamos sempre.

Dende logo, eu coñecía as persoas as que me tiña que dirixir, e as circunstancias de cada unha delas, se non sería imposible. Preparados os centos de papeletas, o cartel e a cadeira coa caixa cos compartimentos, só me quedaba acertar coa persoa que puidera exercer de adiviña, coa que tiña que estudar  e memorizar dabondo o plan concibido; pois diso dependía o éxito ou fracaso da operación.

Despois de darlle varias voltas, decidín propoñerllo á miña curmán Amparo, que era tan entusiasta do Entroido coma min, e reunía as características necesarias para desenvolver todo o sistema. Ó principio, cando lle expliquei o plan, sorprendeuse da complexidade do mesmo e de ter que memorizalo todo sen erro. Logo, visto o meu entusiasmo en preparalo todo, non tardou nada en decidirse.

Unha vez que traballamos ben o plan, trasladámonos con todo o equipo á Praza Maior, o centro principal do Entroido. Era o domingo e xa había bastante xente e, ao vernos, cada vez fóronse achegando máis, expectantes do que iamos facer. Cando se fixo un gran círculo ao noso derredor, decidimos comezar o espectáculo. Por se non fora suficiente, aínda que a miña compañeira, de natureza ten unha boa talla, levamos unha caixa de madeira a que se subía para que todo o público a puidera ver. O certo é que coa roupa negra ata os pés  impresionaba.

Comezamos o espectáculo. Diríxome ó público portando un pano negro na man dereita para explicar que con el, taparíamoslle os ollos á  adiviña. Procedo a taparlle os ollos dando dúas voltas co pano atándollo na parte de atrás da cabeza. Despois dunha pequena pausa, cun silencio total, e para que vexan que non estamos conchabados, diríxome ó público para que  sexan eles os que escollan unha persoa. Unha vez escollida, póñoa ao lado da adiviña, á que lle quito o pano dos ollos. Deseguido fago que esa persoa, unha muller, coloque o mesmo pano sobre os ollos para comprobar se é posible ver algo a través do mesmo. A resposta foi contundente. Outro momento de silencio mentres despido a voluntaria. Volvo poñerlle o pano á miña compañeira sobre os ollos para dirixirme  de novo ao público dicindo: "Como aínda haberá  alguén que teña dúbidas, imos facelo máis difícil pondo á Adiviña de costas a vostedes".

Así é como puxemos en marcha a sesión. Cada adiviñanza que facemos o público móstrase asombrado. Miran uns cara aos outros e non poden dar crédito ó que están vendo, xa que nos coñecen e saben que ningún dos dous temos nada que ver co mundo da maxia. Acertamos todo, sen o máis mínimo erro. Cada vez había máis público. Foi algo que nunca puidemos imaxinar. Estivemos máis dunha hora adiviñándollo todo.

Logo demos por terminada a sesión e comezamos a venda das papeletas. Aquilo foi unha loucura. Vendemos cada papeleta a unha peseta. Houbo moitas anécdotas co resultado das mesmas, sobre todo unha que me contaron o día seguinte. Resulta que tres matrimonios amigos achegáronse para comprar unhas papeletas. O marido dunha delas compra unha papeleta de "Enfermidades". Con tan mala sorte que lle saíu a seguinte : "Que su mujer le engañe no es ninguna enfermedad; es su pura y triste realidad". O parecer a muller do que comprou a papeleta estaba liada co marido dunha das outras parellas, co que quedaron todos voados.

Menos mal que un deles reaccionou ben, tratando de quitarlle importancia ó asunto comentando o contido das outras papeletas que compraron. Foi un espectáculo que chamou moito a atención. Logo, na rúa, e no baile da noite, todo o mundo preguntaba: "Como é posible, como o fixestes?" O que contestabamos: "Maxia, pura maxia". A recadación peseta a peseta foi xenerosa, vendemos todo. E máis que tivéramos. Invitamos os amigos a cava e desfrutamos todos dabondo. Aínda conservo algunhas papeletas orixinais que puiden recuperar despois de varios anos.

Te puede interesar