Opinión

A agonía do rural

Hai males que veñen de longo -de vello, se o prefiren-, pero que, por múltiples causas, sempre quedan para tentar resolvelos máis adiante. E como vivimos o presente sen intuír o futuro, cada día teñen máis complexo modo de solución. Dende a entrada na Unión Europea sempre se falou da necesidade de articular e mellorar a vida do noso rural para frear a perda de poboación. Foi unha constante esta teima pero, salvando a excepción do bipartito, ningún goberno da Xunta asumiu iste problema como propio, e o rural, especialmente na nosa provincia, agoniza.

Non hai moito tempo Feijoo, o presidente, dixo que esta ía ser a lexislatura do rural galego. Mais o paso dos días indica que as verbas estaban valeiras e ocas. Non teñen sustancia nin contido. Todo é unha falacia. A desertización humana das nosas vilas, pobos e aldeas está á orde do día. E con ela a caída de servizos que lle daban sentido a vida fora das urbes. Primeiro foron desaparecendo as casas cuarteis da Garda Civil, logo as sucursais bancarias, despois a venda de billetes e servizos de comunicación ferroviaria e ultimamente serán os cativos servizos de transporte por estrada. E con este panorama a xente fuxe do rural cara as vilas grandes e cidades. Así as aldeas quedan valeiras e todo é un ermo onde campa o xabarín. 

Mais dende o poder político ninguén toma iniciativas lexislativas para modificar incluso a estrutura agraria da propiedade das terras, e sentar as bases para unha explotación racional que modernice e reavive as zonas que anos atrás tiveron vida e produción. 

E como a perda de servizos segue, en agosto os transportistas dos autobuses interurbanos din que deixarán de facer os servizos, xa escasos, a moitas vilas e zonas do rural ourensán. O argumento é que non hai xente que as use. Mais se non nos falla a memoria, hai menos de dez anos a Xunta prorrogou as licenzas a estas liñas a cambio dunha rebaixa no transporte escolar, cando xa o transporte interurbano estaba en precario. A pregunta salta axiña: acaso os nosos gobernantes non sabían xa que o transporte necesitaba unha boa reforma integral? Mais sabedores de que o tema da decadencia do rural precisa dunha actuación política conxunta que o valorice, o Goberno da Xunta vese incapaz de tomar iniciativas que vaian nesa dirección. 

Algo semellante pasa no tema do transporte arredor da cidade das Burgas. Alguén entende que os concellos limítrofes á cidade non teñan transporte urbano e que os autobuses da cidade se lle impida ampliar os seus itinerarios e coller xente en San Cibrao, Pereiro, Toén, Barbadás, etc.? Pois eso non se arranxará mentres a Xunta non habilite unha lexislación que posibilite a ampliación dos buses urbanos a eses concellos, pois a competencia é exclusiva dela. 

En fin, a perda continua de servizos e a non aposta por manter o asentamento con futuro da xente nestas zonas da nosa terra levará a Galicia a unha desertización humana e a dependencia de vivir do sector servizos e dunha precaria industrialización. Claro, desaproveitando a riqueza e as posibilidades que a natureza nos dá. Pero para que iso non aconteza hai que crer no país, nas súas xentes e crear as bases para que o rural se poida modernizar e ter futuro. De momento non parece que dende Compostela se tomen en serio este reto. E mentres, o rural agoniza.

Te puede interesar