Opinión

A bolboretiña do Lohamei Hageta'ot

No ano 2009 cadroume parar en Lohamei HaGeta'ot. Baixo este nome estrañísimo agóchase un fermoso kibutz agrario que, traducindo, quere dicir “Dos combatentes do Gueto”. Está no norte de Israel, preto da costa; ao lonxe vense as montañas do Líbano, e á dereita, os Altos do Golán. Foi fundado en 1949 por un grupo de partisanos xudeus dos que pelexaron nos bosques polacos contra os nazis, e por sete combatentes que sobreviviran ao levantamento do Gueto de Varsovia -moitos máis non había- e dedicáronse á agricultura ecolóxica e ao cultivo da memoria. Teñen un museo anexo -co que hoxe o turismo se converteu nun outro recurso principal- que é o maior centro privado de memoria do país, chamado “A casa dos combatentes do Gueto” pero por nome longo Museo do Holocausto e da resistencia xudía, Centro de Documentación e Estudo “Itzhak Katzenelson”, en lembranza dun resistente poeta morto en Auschwitz. (O outro centro grande da memoria é o Yad Vashem, oficial, e en Xerusalem, onde eu pasaba unhas semanas.) 

Nin que dicir ten, con estes antecedentes, e esta localización, que a pesar de ser un lugar pequeno -en Lohamei HaGeta'ot viven menos de setecentas persoas- é un lugar de referencia que todos os israelís coñecen. Lembro da visita a recorrente charla inicial sobre o levantamento do Gueto e as dificultades de asentamento dunhas persoas urbanas do mundo frío nun pedregal agreste como fora aquel, a visita ao museo, o xantar colectivo, e como foron chamar para que coñecésemos unha muller, guapota, loira, alta, moi maior, de ollada dura que amosaba certa desgana e canseira de que a exhibisen como das primeiras chegadas ao kibutz e por levar, no seu brazo dereito, tatuados os díxitos e letras de control de Auschwitz. Ningún de nós ousou preguntarlle como ela sobrevivira, aínda que no fondo dos seus ollos azulísimos intuíanse caladas respostas, complicados silencios ás preguntas, prudentemente, non feitas.

O caso é que me lembrei dela, onte, tomando unha cervexiña na terraza da casa, deixándome acariñar por este sol de marzo que en exceso queima a dama no palacio, pero que soa a bendición no obrigado retiro de arestora, cando veu pousar no muro unha bolboreta grande e de fermosas cores laranxas e negras. Nunca a vira aquí; no silencio da cidade, os animais achéganse máis a nós. E lembrei como o símbolo da “Casa dos Combatentes do Gueto”, dese museo da memoria, era unha bolboreta. E dunha bolboretiña dourada fixeron un pin que compramos os turistas, como símbolo e esperanza da resistencia. A historia é dura e fermosa. Resulta que no gueto amorearon aos xudeus de Polonia en 1940; en 1942 empezaron o exterminio industrial; en 1943 foi o levantamento e, vencidos, foron arrasados e exterminados. Dos 300.000 iniciais, só quedaron uns poucos. Ou sexa, a vida no gueto durou tres anos. Así que os nenos que tiñan dous anos cando empezou, tiñan cinco no levantamento. Tres anos é moito. E seica cando lles contaban das bolboretas, ou llas mandaban debuxar, non sabían o que eran porque nunca virán ningunha. Nas espantosas condicións do lugar non había parques, nin árbores. Era espazo de moscas, cascudas, carrachas e piollos; as bolboretas non existían. E a esperanza no futuro asimilárona alí ás bolboretas. As mestras ensináronllas a debuxar ós nenos, e os cativos imaxinábanse corricando polo campo atrás delas. Se cadra, si, a lixeira, liviá, efémera bolboreta é un bo símbolo da paz e da esperanza para os tempos de hoxe. A imaxe dun neno correndo, libremente, na natureza, atrás dunha bolboreta de cores é desde logo entrañable e evocadora. 

Te puede interesar