Opinión

Á caza do infractor

Non hai maneira! A xente segue veña e dálle co asunto do afán recadador da Dirección Xeral De Tráfico porque, agora, seica se lles dá por poñer radares láser ou calquera outro dispositivo escondido, agochado para cazar ó infractor. Ollo ó dato!, fixádevos que puxen a palabra infractor, que é aquel que comete unha infracción. Infracción: acción coa que se infrinxe unha lei, norma ou pacto. É dicir, que a culpa é sempre do infractor. Porque está quebrantando unha norma. E xa está. É que somos tortos de carallo! Facemos mal as cousas e intentamos botarlle as culpas a aquel que nos di que estamos actuando mal. Desde que conduzo creo que levo catro ou cinco multas, pero nunca se me ocorrería botarlle a culpa ós de Tráfico. Se naquel tramo que marcaba a 50, por que raio ía eu a 80! Somos incongruentes! Pois somos capaces de aminorar a marcha nun santiamén cando pasamos dunha estrada a unha pista de terra e con fochancas, pero non lle facemos caso ó sinal que marca 50 porque entramos nunha vila ou aldea nas que hai xente. Se Tráfico quixera simplemente recadar chegáballes con poñerse no Polígono, á altura do Tecnolóxico e alí poñeríanse ricos. Ninguén respecta a sinalización. Somos tortos e non hai volta de folla. Só aprendemos cando nos tocan a faltriqueira.

Te puede interesar