Opinión

A mellor carreira

O home contempla o barrio da Igrexa de Baños de Molgas e sabe que alá está a nostalxia. A muller que está á súa beira contempla ó home. E velle un sorriso nos beizos. O home vólvese cara á muller e díxolle que houbo un tempo no que sabía escoitar o silencio, principalmente canto máis ruído había. A muller sorrí e dille que é moi listo. O home fixo unha tese titulada “Por que o sapoconcho vai tan lento cando ten que correr?”. E imaxinou ó sapoconcho cruzando Os Campos,  As Lamas e As Cortiñas para chegar abafante ante a porta da igrexa. Non lle admitiron a tese, claro. É máis, burláronse da súa tese doutoral. A muller díxolle que mellor lle fora facer un máster sobre unha lagarta aniñando no corazón dun repolo. Seguro que tería moito máis éxito. Hai abondos exemplos espallados polo país adiante onde un máster abre as portas da vida (ou da mentira). O home menea a cabeza con xestos afirmativos e dille á muller que está á súa beira, que alá, naquela aira que hai no barrio da Igrexa, estudou que a sinxeleza é a mellor carreira que acadou nunca. A muller emocionouse de tal forma que o bicou. O home contemplou, por entre os pallóns de millo, o barrio da Igrexa de Baños de Molgas e deixou escapar outro sorriso.

Te puede interesar