Opinión

A política, esa cousa...

Ás veces, cansos, pensamos na política, nos políticos, como algo alleo, distante, que viven nun mundo paralelo. As súas preocupacións -as sondaxes, a capitalización das emocións públicas, a presenza nos medios, o esforzo na imaxe positiva do propio e negativa do alleo...- cremos que nada teñen que ver connosco, coas nosas preocupacións cotiás: a familia, os estudos, os traballos, a lavadora que se derrama, o pendrive extraviado, o paraugas húmido que pinga, a baixada da bolsa... do lixo á noite.

E tendemos a pensar que son mundos incomunicados e que podemos prescindir da preocupación pola política como da participación nas reunións da comunidade de propietarios. E pensamos que non vai connosco. Pero debemos ser conscientes de que unha ruín xestión da cousa pública é perigosísima e pode conducir ao desastre.

Sociedades que descarrilaron por culpa dos políticos que dirixían a máquina político-administrativa e mediática do país e acabaron moi mal, sobran. A epítome, ben sabida, é Alemaña: nos inicios dos trinta, un país rico, culto, serio, cun nivel de creatividade e liberdade punteiro no mundo caeu, democraticamente, en mans duns atolados que souberon intoxicar unha nación con problema inexistentes. Ou lembran a Iugoeslavia de Tito como a zona máis aberta e progresista do bloque do leste? E miren como acabou. Ou a Venezuela de hoxe: tres millóns de refuxiados son, en fin, unha acusación directa contra o malgoberno e a incapacidade. As boas clases políticas reducen problemas. Pensemos na nosa transición. Pensemos na modernización de Chequia e na separación de Eslovaquia. No endereitamento de Polonia... En fin, os réximes que van ó desastre teñen en común asimilaren nos imaxinarios colectivos da maioría da poboación, como causantes todos do seus males, a elementos alleos, externos e internos -Estados Unidos, os xudeos, os serbios, os españois...- eliminando calquera responsabilidade dos individuos que estean da súa parte e volatilizando a mínima capacidade autocrítica. Sempre outro ten a culpa. Os que se opoñen á interpretación xeral redúcense a caricaturas sen matices, son seres intrinsecamente malos, ruíns... Goebbles, ecoa.

Pois eu creo que en España, en comparación co mundo global, non hai excesivos problemas. A sociedade civil é activa, rica e plural. Ten uns niveis de benestar -liberdades civís, sanidade, educación, orde pública, cobertura social- que moitos xa non valoran e pensan que “veñen de serie” esquecendo como eran as cousas antes do grande acordo da transición que simplemente foi un “miremos para adiante, para a luz; en vez de para atrás, para a sombra”. E iso, no medio do ataque do terrorismo máis salvaxe da Europa occidental. E agora, sen medos á bomba ou ao tiro e cun nivel de vida moito mellor, pois temos uns políticos empeñados en crear problemas onde non os hai e en vez de solucionar cousas, distraer á opinión con xestos. 

Así pois, temos un problema de políticos máis ca social. Cren que o Parlmento é un plató. E na casa da palabra deben falar con mesura e acordar con intelixencia. Fóra a TV do Parlamento. Que se centren no traballo. E o de cuspir un deputado a outro? Xa o vemos posible. Unha vergoña. Un parlamentario, hai moitos anos, díxolle a outro: “Su señoria está errado, pero con hache”, tal sutileza hoxe moitos non a entenderían. En fin, viña ben algo de máis nivel, de educación e de vontade para devolverlle o prestixio á política. E ben cómpre.

Te puede interesar