Opinión

A ponte de Ourense

O título do artigo é absolutamente tendencioso, porque non vou falar da nosa fermosa Ponte Romana, á que lle cantaban Los Tamara no Festival do Miño canda o Santo Cristo e As Burgas na premiada canción “As Tres Cousas”; nin tampouco vou falar desa metade de Ourense á que eu sempre lle tiven cariño especial por ser alí, na Autoescola Gabelo, onde saquei o carné de conducir á primeira, aínda que se me calase o coche xusto no momento de aparcar para apear ao examinador na porta da súa casa. Do que quero falar é de que, ao igual que a Joaquín Sabina lle “roubaron o mes de Abril”, a nós estannos roubando todo canto acontecemento festivo vén marcado en bermello no almanaque. Agora tócalle á noutrora fermosa ponte do 12 de Outubro, para uns Día do Pilar, para outros Día da Hispanidade e para outros moitos, día de formar unha eterna caravana cara Portugal como nos mellores tempos da outra ponte, a vella e fermosa que une Tui e Valença do Miño, por coche, tren ou a pé; e dame a impresión de que salvo os ourensáns da capital que non poden, e ben que o sinto por eles, o resto vai invadir literalmente as rúas desta cidade amurallada; ou se a preferencia é entrar no País irmán polo norte, o asalto será á fermosa cidade de Chaves e á fascinante Vidago. Penso que ata eu me deixarei cativar por esta última opción para lembrar diante do vello e fermosísimo hotel “Vidago Palace” aqueles tempos nos que amenizabamos algunha cea baile no seu “viscontiano” salón-comedor, na entrega dos trofeos de golf que os portugueses de “postín” celebraban dando voltas ao arredor da fonte cos seus descapotables de época, que tanto miman ao outro lado da raia. Posiblemente sexa este hotel un dos lugares máis fermosos onde teño actuado, cando lucía melena e atusaba barba. ¡O témpora, O mores! que diría Cicerón.

2020100921142815700

Con el comandante Óscar Grañas en Vigo. 

Ás veces esta ponte festiva levounos ata destinos fantásticos como Berlín, Londres ou Amsterdam, onde nalgún dos seus comercios podía sorprendernos algún adianto navideño que hoxe competirían co alcalde Caballero, que desde agosto fai das “Luces de Vigo” o buque insignia do turismo olívico de inverno; e que París vaia borrando das súas promocións o lema “Cidade da Luz”. Prométolles aos meus confinados paisanos ourensáns que xa son moitas as rúas viguesas que están decoradas, e que como a cousa se poña máis triste do que está, Abel é quen de iluminalas antes de que nos cambien a hora e todo se volva unha “negra sombra”. 

Levo varios anos sendo convidado aos actos da Patroa da Garda Civil no destacamento vigués, onde despois da marcialidade e das condecoracións sempre houbo un momento máis relaxado para a confraternización e a degustación dos riquísimos callos de Coren que puñan o punto e seguido máis informal e saboroso á efeméride. Neste atípico e tremendo ano no que estamos, non deixarei pasar tampouco a ocasión de darlle un abrazo, aínda que sexa virtual, a un grupo de bos amigos que en torno ao ourensán e ben querido comandante Oscar Grañas quererán brindar nun día tan especial. 
Pasei hai pouco por diante da que fora a Casa Cuartel da Garda Civil de Allariz, situada en fronte de onde eu vivía, e lembrei con nostalxia a cantidade de veces que xogabamos cos amigos e amigas que alí vivían, con quenes anos máis tarde máis dun e dunha moceou e mesmo formou familia. 

Te puede interesar