Opinión

A todo tren

Agora que andamos a voltas coa chegada do AVE a Ourense, hai uns días atopeime con noticias de cando chegara a primeira locomotora a Baños de Molgas. Para elo, alá polo mes de outubro de 1953 a actividade no tendido de vías, principalmente entre Ourense e Baños de Molgas, ía “a todo tren”. A proba era que os trens de obras cruzaban constantemente o Miño no que levaban o material para o correspondente tendido. Tal tendido andaba pola zona da estación de San Cosme, hoxe San Francisco. Semella que os obreiros realizaban diariamente, por media, un tramo duns cincocentos metros de vía. Usaban bos materiais e os adiantos máis modernos, como unha máquina de tradear e aparafusar os tirafondos nos carrís.

Os entendidos, vendo o ritmo, lanzaron a ollo que dentro duns dous meses poderían chegar ó mesmo Baños de Molgas. Estaban ansiosos porque sabían do potencial agrícola e gandeiro da zona, así como, por suposto, do uso das súas augas termais. O ollo falloulles un pouco, algo así coma dous meses máis, pois non foi ata o venres, 19 de marzo de 1954, cando a prensa volveu informar da chegada desa ansiada primeira locomotora arrastrando un tren de obras (a auténtica inauguración da liña Zamora-A Coruña non sería ata 1958). A chegada da locomotora deu pé á realización dunha boa festa, con banda de música incluída, entre as autoridades locais e os técnicos da empresa construtora (os labregos escoitarían a música das chocas das vacas mentres araban nas leiras).

Te puede interesar