Opinión

A Torre

Non podo por menos que unirme a todos os ourensáns que senten pena ao ver como un dos emblemas da nosa cidade vai perdendo aqueles elementos que conformaban un edificio que moitos recordamos desde que seguramente fomos á capital por primeira vez para ver a Batalla de Flores á sombra dos seus dezaoito pisos.

Levei un bó desgusto cando vin que retiraban as letras do Hotel San Martín; porque entendendo que a nova xerencia queira rebautizar a nova criatura co nome da cadea, ben pudieron ter en conta a historia do edificio, e o que significou no seu día para a cidade de Ourense, e seguir mantendo o nome orixinal, referente inequívoco para os nativos e para os que desde hai anos nos visitan e se hospedaron nel. O aeroporto da capital de España segue sendo Madrid-Barajas, aínda que vaia precedido do nome do ex-presidente Adolfo Suárez, e non pasou nada por seguirlle mantendo o nome orixinal.

O último lugar, que non derradeiro, no que vivín en Ourense antes do periplo televisivo que me levou a Santiago e posteriormente a Vigo, estaba nunha das extremidades do edificio da Torre, nun coqueto apartamento con terraza de auténtico luxo, aínda que en meses como este te torrases un chiquiño neses días onde Ourense semella estar máis ás veiras do Guadalquivir que do Miño. Pero dábame igual, era cuestión de pasar pola ducha máis veces ao día, xa que para min era todo un luxo baixar no ascensor e estar no corazón ourensán do Parque de San Lázaro, aínda que para elo tivese que deixar máis de medio soldo no aluguer. 

E que había un compoñente afectivo que me unía a este emblemático edificio; foron moitos anos nos que cada sábado cantei co Grupo "Brasas" nas ceas-baile que organizaba o restaurante do Hotel, e nunca esquecerei que alí foi o meu debut na festa de Fin de Ano, cos dous comedores a rebentar de comensais galegos e portugueses, aos que había que darlles as badaladas á unha da madruga, tocándolles o "Vals de Meianoite".

Nunca vin xente tan bailarina, se normalmente durante as ceas tocabamos música instrumental e a baixo volume para non incordiar, nesa noite había que tocar para os nosos veciños lusos pasodobles e merengues entre prato e prato. En calquera caso eran sempre noites ben divertidas a golpe de "Ay Cosita Linda Mamá" ou "El gato que está triste y azul" do gran Roberto Carlos; penso que cantabamos todo o repertorio do "rei" brasileño, porque daquelas ao público tamén lle gustaba bailar lento, e nada mellor que un "Amada Amante", "La Distancia" ou "Lady Laura" para darse un achuchón no medio da pista.

Pero antes de todo isto, eramos tratados con todo cariño e detalle por parte do persoal do hotel, onde por suposto ceabamos antes de poñernos ao chollo e a onde, tamén por suposto, volvín moitas veces, anos despois, para aloxarme nas súas habitacións, mesmo na mellor suite nunha das ocasións coas que a dirección do hotel quixo agradecerme o moito e ben que teño falado do establecemento. Lémbro con simpatía cando me dixeron, "nesa habitación hai uns días botou a sesta a Raiña Sofía". O certo é que sempre me sentín como un rei cada vez que visitei o San Martín, fora para traballar ou fora para hospedarme, mesmo algún sábado no que me coincidíu ver alí o Festival de Eurovisión cos meus amigos ourensáns, e o hotel agasallounos con cava e froitos. O querido "San Martín" tamén foi para min unha verdadera escola de escenario antes do salto á tele, e esas cousas nunca se olvidan.

Te puede interesar