Opinión

A voltas co monte

O acordo forestal promovido pola Xunta de Galicia é unha consecuencia inevitable da vaga de lumes padecida e sufrida por Galicia, especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra. Ese tráxico domingo 15 de outubro evidenciouse un fracaso que viña tempo arrastrándose e que, ao parecer, ninguén parecía decatarse. Son moitas as liñas que se teñen escrito dende entón sobre este tema e non quixera ser reiterativo, pero trala lectura das 30 propostas concretas presentadas en sé parlamentaria polo presidente da Xunta, coido que é de interese presentar algunha reflexión. 

Nunha situación como a que estamos que pode (e debe) ser cualificada como extrema, todas a medidas que se adopten deben ter un fío condutor que permita atacar de raíz coa orixe do problema. É aquí onde reside unha das grandes dificultades posto que moito me temo que este proceso de identificación aínda non está claro. E debería estalo porque o problema forestal de Galicia ten unha orixe económica que, se ben pode haber dúbidas de cando datalo, si debería estar identificado. Nomeadamente, a xestión do monte e a mobilización de terras constitúen unha das grandes prioridades (mesmo emerxencias) da nosa economía.

No Foro Económico de Galicia vimos tempo alertando desta situación e xa contamos con máis de un Documento de Traballo que así o testemuña. Por este motivo, cando se le dentro do conxunto de medidas, aspectos como a valorización do monte e o emprego do Banco de Terras cabe pensar que se apunta na dirección acertada. Pero estas medidas deben cumprir dous requisitos: ser ambiciosas e ser realistas. Levándoo a unha linguaxe máis coloquial, non se poden quedar en papel mollado. Toda persoa que ten certo vencellamento co rural sabe que a propiedade do monte, das fincas ou das parecelas é unha especie de maldición bíblica. En tanto e canto isto non se solucione, estaremos a falar do mesmo problema, mesmo acrecentado co paso do tempo que nestes casos o único que fai e empeorar as situacións.

E postos a favorecer o rural, non estaría de máis que o conxunto de políticas adoptadas fosen de carácter favorecedor para os seus habitantes. Xa que logo a experiencia di que se solo se regula con prohibicións e obrigas o que se está favorecendo é a fuxida dun territorio que, e isto hai que recalcalo, se non ten persoas, está condenado ao fracaso. Pero isto ten que ver con comportamento demográfico e, como no famoso libro de Michael Ende, “isto é outra historia, que será contada noutra ocasión”.

Confiemos que desta vez si se acerte porque o éxito destas medidas será o éxito de todos nós. Poñamos en valor o noso monte, a nosa riqueza forestal e aproveitemos ese gran recurso que temos tan preto e que seica semella que só nos decatamos del cando lle prenden lume. 

Te puede interesar