O prazo para solicitar a participarón permanecerá aberto ata o próximo día 10 de marzo
O Concello de Celanova e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, que depende da Deputación, abriron o prazo de inscrición para poder participar na edición de 2017 da Romaría Etnográfica Raigame, que se celebra anualmente, coincidindo co Día das Letras Galegas, na localidade de Vilanova dos Infantes. A edición correspondente a este ano estará adicada ao Museo do Pobo Galego, coincidindo coa celebración do 40 aniversario da súa fundación.
Poderán solicitar a súa inscrición para asistir á Romaría todos aqueles artesáns e traballadores de oficios tradicionais que desexen participar como protagonistas deste evento, no que poderán amosar dun xeito activo o seu oficio ou a súa actividade artesá naqueles locais ou espazos abertos que lle sexan asignados.
O prazo para solicitar a participarón permanecerá aberto ata o próximo día 10 de marzo e os que desexen inscribirse deberán facelo a través da web www.raigame.es, en base ás normas elaboradas pola organización.
A Romaría Etnográfica Raigame ten como finalidade promocionar a cultura tradicional galega, centrando os seus esforzos na divulgación da música, o folclore e os oficios e artesanías tradicionais, sempre desde un punto de vista pedagóxico e cultural.