Educación

Aberto o prazo para solicitar axudas para material escolar en Carballiño

O Concello do Carballiño dispón dunha partida de 9.000 euros que destinará ás familias de menos recursos

O Concello de Carballiño ten aberto o prazo para presentar a solicitude de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, destinadas ás familias con menor poder adquisitivo que teñan nenos ao seu cargo, escolarizados en centros públicos ou concertados do Carballiño.

Entre os requisitos figura que os solicitantes deberán estar empadroados neste municipio un mínimo de seis meses; que estean matriculados en Educación Infantil e que non sexan repetidores de curso. Ademais, non poden superar os 9.000 euros de renda per cápita anual (9.000 euros por membro da unidade familiar). 

O importe total asignado no orzamento municipal de 2020 que se destina a este fin é de 9.000 euros e as axudas serán incompatibles con calquera outra axuda que poidese percibirse coa mesma finalidade doutras administracións públicas ou privadas. 

As familias que cumpran os requisitos poderán recibir no caso de escolares en primeiro e segundo curso de infantil (3 e 4 anos) 100 euros e en terceiro curso de infantil (5 anos)120 euros. As familias que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se lles facilitará no propio concello. A convocatoria xa foi publicada no Boletín Oficial da Provincia polo que os interesados dispoñen de menos de 15 días para facer a solicitude.

Te puede interesar