Opinión

A absolución non fai xustiza

Como a moitos nos parecía, Aurea Soto, a concelleira que foi xuzgada polo asunto da praza de San Antonio, saíu absolta dun trance que ten tintes un tanto escuros, por ser un asunto herdado dos gobernos de hai anos. O certo é que, ás veces, istes asuntos de urbanismo resultan tremendamente opacos e son marróns que, vindo de lonxe, empréganse para cargar contra os concelleiros que tentan poñer orde e rematar coa presión de persoas que nesta cidade, sen ser electos, parece que eran as que gobernaban a concellería e deseñaban o planeamento da urbe. Pero o máis triste do asunto é que moitos actores da política actual pensan que todo vale con tal de acadar uns votos para a formación que representan e pretenden solucionar todo vía xudicial.

Pero aínda que a Xustiza impuxo o sentido común, en moitos asuntos parece que a súa actuación ten sesgos un tanto partidarios. Nalgúns casos, de seguida imputa e indirectamente pon ó cargo público na situación de ter que dimitir. Pola contra, noutros casos, para imputar a prebostes da política desta provincia pídenselle probas contundentes ó denunciante, e si non as aporta non prospera a imputación ou investigación.

Con todo, cinguíndome o caso de Aurea Soto, como ela dixo, a absolución non fai xustiza. A absolución ven a impoñer a razón e o sentido común que aplicou esta persoa defendendo a causa pública e tentando aforrarlle ó seu concello unha cantidade de 40 millóns de euros, para poñerlle fin a unha gran chapuza que ela herdou na Concellería de Urbanismo. Máis este asunto deixa tras de si un rastro dooroso e pon á luz varias cuestións: a primeira é que fixo dimitir a unha persoa cabal e honrada que tentaba poñer orde no caótico mundo do urbanismo onde había moitas corruptelas e existía unha situación moi complexa emanada da caída do PXOM que aprobara o goberno do PP con Manuel Cabezas á fronte. (Lembremos que o motivo principal da caída foi o de aprobar uns planos e logo cambialos por outros, cuestión moi grave na que a xustiza non actuou de oficio.)

Pero ademais do reseñado, a demisión de Auria minou o prestixio dun goberno municipal que viña xa moi machacado pola detención esaxerada e escandalosa do seu alcalde, o cal despois de catro anos aínda segue á espera de acusación definitiva e a apertura de xuizo, co que presumo que todo quedará en nada de nada, ou se o prefiren ruído mediático que propiciou un xuizo público no que sempre es condenado de antemán.

Conclusión: a sensación que moitos temos é que as verbas valentes que dixo Aurea Soto antes de finalizar o xuízo no seu turno de palabra teñen moita razón. Cito varias frases: “No estoy sentada aquí por haber prevaricado”. “Desde que asumí Urbanismo he sido acosada por los que pretendían dictar el urbanismo de la ciudad y escamoteaban el 10% del terreno municipal”. “Ha sido necesario que la instrucción y el fiscal oculten el auto de 15-01-2009 en el que se elimina el párrafo verdadero y lo falsifica entrecomillando otro que no existe”. “Yo no he sido defendida por los poderes que tenían que defenderme”. “La absolución no hace justicia”. “Yo estoy sentada aquí porque era necesario echarme del gobierno”.

Duro alegato que de seguro lle debía quitar as cores a algún membro da carreira xudicial. Pois logo de ler o resume do que dixo obriga a que moitos cidadáns quiten unha conclusión. Por iso pregunto: cando un directivo, técnico ou traballador dunha empresa comete un desliz, erro, unha falta ou actúa de maneira sospeitosa, axiña é chamado ó orde, sancionado ou despedido. Pois na xustiza, de confirmarse o dito, iso parece que, salvo en casos sumamente extraordinarios, non acontece. A sensación de que na nosa xustiza existe un gran corporativismo e unha importante endogamia e falta de autocrítica parece algo verdadeiro.

En fin, con estes asuntos e outros que virán no futuro é como se escribe a triste e gris historia dunha cidade pequena como a nosa.

Te puede interesar