Radiografía do derrumbe dunha existencia, "Interrupted" é unha obra que desde a súa estrea no 2012 foi acollendo trazos da realidade, da crise ao #MeToo
"Interrupted" é unha comedia que, pese a manter a súa esencia, foi mutando co paso dos anos. Desde a súa creación no 2012, tamén data do nacemento da compañía Teatro en Vilo en Londres, primeiro presentouse en inglés e despois versionouse ao castelán, "e con cada cambio de elenco, tamén sofre cambios", explica Noemi Rodríguez (Allariz, 1987), cocreadora, codirectora e intérprete nesta obra. "Interrupted", unha das pezas de hoxe no FITO, poderase ver ás 22,30 horas no auditorio de Ourense.
O espectáculo conta, desde a comedia, a historia de Anabel, cunha vida "perfecta", que se desmorona en cuestión de seis días, proceso que os espectadores vivirán en primeira persoa. "Cando montamos o espectáculo estabamos en plena crise e empezamos a explorar esa idea de cando todo vai ben e, de súpeto, desmorónase", explica a artista alaricana.
Despois de seis anos, Rodríguez asegura que a historia de Anabel segue tendo filón porque "se fan lecturas moi distintas da obra en función do contexto en cada momento. Naquel momento foi a crise económica, hoxe o espectáculo está marcados polo 8-M ou o movemento #MeToo".
"Interrupted" conta cunha montaxe moi visual, onde a coreografía é fundamental no devir dos acontecementos. É un dos catro proxectos que dirixe a alaricana en Teatro en Vilo, onde "se valora a investigación no eido artístico e se traballa con artistas de diferentes nacionalidades. As aportacións de todos permítennos xerar obras de moita actualidade".