Opinión

Aguadillas e ene velar

Como podería dicir un político calquera nas rodas de prensa de hoxe, “empezando pola segunda cuestión...”, voulles explicar aos que non o saiban o que é o ene velar. Pois é o do “nh” de unha ou ningunha, que tamén é, sempre, o ene final de sílaba. Así, se vostede pronuncia a cámara lenta “non”, verá facilmente como os dous enes son distintos. No primeiro, chamado alveolar, vostede toca coa punta da lingua os alvéolos, sobre as enxivas dos dentes de arriba e de adiante. E se vostede di “neno” pronuncia os dous igual, con ese ene alveolar, único do castelán. Pero o ene velar, que o castelán non ten, pero outras linguas si -en inglés é o final do xerundio -ing-, e en galego é, como diciamos sempre de final de sílaba. E chámase velar porque ao pronuncialo, a lingua está como recollida contra a parte superior da parte de atrás do ceo da boca que por fino, chamamos “veo do padal” ou en castelán “velo del paladar”. 

E isto que lles conto vén a conto de que a pronuncia do ene velar é identificadora tan xeral entre nós, que é unha das marcas que nos identifican falando castelán. Si. Nós pronunciamos, por exemplo, “camión” igual en galego e castelán, e non debería ser tal. En fin, que desde hai un par de anos, estou empezando a encontrar alumnos que non teñen xa o ene velar como natural. Que pronuncian “non” con dous enes alveolares, como se fosen de Madrid. E isto é perigosísimo porque demostra que está desaparecendo o castelán dialectal de Galicia (o de “me piqué con una silva”, “no doy hecho el trabajo”) e integrándose na norma máis castelá. Creo que a cousa vén de que pasan máis horas vendo series, youtube ou calquera outra forma de contacto coa lingua estándar do castelán que simplemente escoitando vellos ou novos galegófonos. 

Pero iso tamén rexe en cuestións de vocabulario. A xente da miña xeración falaba ao nadar na praia de “saír fóra de cala” ou dar “caladas” para meterlle a un a cabeza sen advertilo debaixo da auga. Agora, como os veraneantes madrileños de cando nós eramos pequenos, din os nosos nenos xa “aguadillas”. O outro día preguntándolles aos meus alumnos, ningún coñecía “calada” neste sentido e todos, todos “aguadillas”. Outro tanto acontece coa nosa forma de falar local. Agora poucos nenos quedan que digan “tu” falando en galego -como lexitimamente se fixo sempre en Ourense, pois eu lembro un tempo no que o “ti” soaba a ser de Vigo- e incluso se esparexen formas televisivas como “choiva” mentres devecen ás nosas “chuvias” de sempre. E formas xuvenís como “en plan...” ou “petado” son de toda España. A nosa enxebreza, si, fai augas, porque a cadea da fala entre persoas -sexa galego e castelán- está debilitada e secundarizada fronte á fala -a escoita, realmente- da persoa á máquina. Que pasan máis tempo vendo series que escoitando xente maior é claro. En fin, que o de “aguadillas” chamoume á atención. Ímonos entendendo, claro, pero xa non falamos igual; xa non pensamos igual, é outro mundo e outro tempo. Nin mellor nin peor. Outro. As aguadillas gañáronlle ás caladas. Será así, pois. Pero non me gusta, claro.

Te puede interesar