O presidente da Real Academia Galega entregou o testemuño de 'Arraiano Maior 2010' ao Padre Lourenço Fontes, na segunda edición de irmanamento entre as terras ourensáns e as lusas da raia seca do norte.

Unha aguillada para o Padre Fontes

Méndez Ferrín e o Padre Fontes.
Borrar para sempre as raias que marcan a fronteira que se debruza entre Galicia e Portugal.
Con ese ánimo, a asociación cultural ourensá Arraianos avanzou un paso máis ao instituír a figura do 'Arraiano Maior da Raia Seca' que encarnara os ideais de irmandade entre galegos e portugueses. O ilustre celanovés Xosé Luís Méndez Ferrín foi o primeiro en ser investido con esa figura, hai un ano, na raia da Madalena, entre Lobios e Lindoso. Unha aguillada e unha boina foron os atributos que recibíu o hoxe presidente da Real Academia Galega de mans do de Arraianos, Aser Álvarez. A aguillada de tanguer o gando para impoñer autoridade e a boina de identificación coa paisanaxe. Méndez Ferrín, que sitúa algúns dos seus mellores relatos ('Arraianos') no imaxinario deste espazo, entregoulle onte a aguillada, que custodiou durante o último ano, ao Padre Antonio Lourenço Fontes. 'A quen aguilloarás con ela?', pregúntalle Ferrín. 'Aos políticos', respondeu o Padre ao instante. Todos asinten, talvez por teren na retina a imaxe fresca ao fondo dos lumes devorando, en tres puntos, as serras do Parque do Peneda Gerês. Os do lugar critican que o goberno luso decidira, sen contar cos veciños, un novo planeamento para o Parque, con maiores restriccións nos usos das propiedades.

O 'Arraiano Maior 2010', un crego e home imprescindible da cultura e etnografía de Tras-os-Montes e a que é común con estoutro lado da raia, chegaba ao acto en Castro Laboreiro despois de clasurar a Festa das Bruxas que el organiza en Montalegre, no mesmo concello no que instituíu o recoñecido Congreso de Medicinas Alternativas.

A xornada para os 'arraianos' comezara de mañá sobre a mesma liña da fronteira da Meixoeira, entre Entrimo e Castro Laboreiro, ao pé do marco 51 da Raia Seca cun roteiro guiado polos membros do Núcleo de Estudos e Pesquisas Montes Laboreiro (NEPML), con paso por pontes medievais que son monumento nacional, ascendendo desde as 'invernías' (lugares ocupados por persoas e animais nos invernos) ata as 'brandas' (brañas de pasto na altura da serra, habitados na maior parte do ano), próximas ao maior conxunto megalítico do noroeste peninsular, con ata 100 mámoas rexistradas. A altitude, a prehistoria e a paisaxe conforman un espazo mítico, que atrae hoxe aos arraianos, animados con música de gaita, lectura de poemas e bo xantar ao pé da Pena de Anamán, mítico refuxio de guerrilleiros e contrabandistas. Ata aqui tamén chegou, en 1997, o cineasta máis lonxevo do planeta, Manoel de Oliveira (101 anos) para rodar o filme 'Viagem ao principio do mundo', con Marcello Mastroianni de protagonista.

Te puede interesar