Opinión

A Alameda do Cruceiro e o parque Vicente Bóveda

Ven de ser recuperado na cidade o degradado parque infantil, e con il toda a Alameda.  Este espazo chamabase antes de 1954 «Campo del Crucero» ‘por el bellísimo de este nombre de harmonioso horizonte del Miño en su grave fluir, la puente y los resaltes de las cuestas sobre el valle’, como relatara Otero Pedrayo, engadindo que era mais ben unha olmeda. Fai moitas décadas xa que non é posible contemplar tanto o horizonte como a ponte, e tampouco está o vello cruceiro que se fixera en 1718 sendo Corrixidor o Licenciado Arce y Obregón, e centra dende o pasado século a praza da igrexa de Santa María Nai, a ‘Magdalena’. Hai agora outro, colocado como noutrora co Cristo cara Santiago pola ponte vella, facendo o mestre canteiro no fuste o Apóstolo, culta referencia.

A rampla dende a rúa Concejo é nova, suave e cómoda, que substitúe á escaleira, barreira eliminada na gran transformación feita até agosto do pasado ano. Aspecto salientable no novo deseño creativo realizado por Carlos Javier Cárcamo, enxeñeiro técnico agrícola do Concello, é o da dignificación de Vicente Bóveda, a quen o Concello lle dedicara a finais de 2009 o fito conmemorativo consonte declaralo “Fillo predilecto da cidade”.


Vicente Bóveda Iglesias nomea o parque


Foi este culto profesor, irmau de Alexandre, significado persoeiro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, asasinado o 17 de agosto de 1936, data na que se está a promover o Día da Galicia mártir, unha "persoa sabia, estudiosa e rigurosamente posta ao día", segundo o Expediente de Honra. Adiantado na importancia do deporte na educación de xuventude, a maiores da especialización nos estudos mercantís impartidos no Centro de Ensinanzas Bóveda. Co recoñecemento oficial á súa persoa e Academia, dende 1943 até 1958, en que morre, continuada dez anos máis pola súa irmá Pilar, recoñécese unha dura época e xeración, a da configuración do 'Ourense, Atenas de Galicia'. Con el, entre outros, Ernesto Gómez del Valle ou Manuel Luís Acuña, e preto deles López Cid e Prego de Oliver, e o maxisterio de Risco e Otero Pedrayo, da Xeración Nós.

No exterior da caseta de control vai o seu retrato e a reprodución da placa que oficializa o recoñecemento, con unha laudatio contextualizándoo. Nos laterais, fermosas fotos de natureza do entorno da cidade, obra de Cárcamo. Este deseñou un recinto de xogos adaptado para persoas discapacitadas, o primeiro de Galicia, unha ampla zona acuática para o verán e os nenos, auga reutilizada en circuíto pechado. Todo elo coa gran tirolina dobre alemana, o columpio portugués de corda, o único circuíto de calistenia na comunidade autónoma, homologado pola federación mundial, rexistrado na base de datos internacional fan del algo único. A iluminación artística, as singulares farois de madeira, as lady bags gregas con xoaniñas, as papeleiras, os xogos tradicionais, a coidada xardinería de baixo mantemento, o paseo circular para xente maior, elementos todos para vellos e novos nunha zona urbana integrada agora cos espazos urbanos próximos das rúas Concejo e Cruceiro. Moito máis pois cunha simple "rehabilitación" neste espazo público que fai cidade a consciencia.

Te puede interesar