La entrevista del Vida

Alexandre Sotelino, entre aulas e cultura popular

Alexandre Sotelino.
photo_camera Alexandre Sotelino. (Foto: Martiño Pinal)
Vén de ser elexido por segundo ano un dos dez mellores docentes universitarios de España no marco dos Premios Educa Abanca. Un título que se gaña a pulo co seu traballo diario nas aulas.

Máis alá da docencia, Alexandre Sotelino é o director da Asociación Cultural Rebulir, Escola de Baile e Música Tradicional, nada no Concello de Ramirás e que fai posible que na localidade cada fin de semana se den cita ducias de persoas para desfrutar da nosa música e baile. E se contar o festival que fai que se acheguen a Ramirás agrupacións de todo o mundo.

Tras ser elexido un dos mellores docentes de España, cónteme, como debe ser un bo profesor/a? Como se gaña ao alumnado?

O bo profesor/a é aquel/a que fai que o seu alumnado aprenda os contidos propios dunha materia ou curriculum, e á vez fai que desenvolvan a responsabilidade e habilidade de saber aplicalos. Obviamente, non todo vale para adquisición de aprendizaxes, senón que é unha tarefa na que converxen múltiples factores e na que hai que estar en contínua actualización. 

O obxectivo non poder ser "gañar" ao alumnado, senón que elas e eles adquiran aquelas aprendizaxes que lle son útiles en función de obxectivos de vida, aspiracións, perspectivas... O reto diario dun/dunha docente pasa por conectar coa esecia do seu alumnado.   

Supoño que é unha profesión onde é moi importante a vocación. 

Ser docente implica traballar 24 horas e 365 días ao ano. Unha persoa que se adica a educación (escolar ou social) sempre está procurando novos proxectos, desafíos, iniciativas... calquera vivencia conecta rapidamente coa identidade máis profunda dun educador/a. 

Como se xestionan as explicacións de temas que poden ser máis "delicados" para parte do alumnado.

No meu caso particular asúmense con total sinceridade, honestidade e respecto; escoitando opinións diferentes e mesmo en ocasións discordantes, pero que poden resultar constructivas para o conxunto. Do que trata ao final é que cadaquén opine atendendo a criterios persoais, é dicir que os argumentos non veñan "masticados". Trátase de que o alumnado aprenda a posicionarse e defender os seus propios ideais, sen utilizar tópicos ou falacias. No contraste xérase aprendizaxe.

E o reto de sacar o mellor de cada alumno?

O reto é o contrario, o alumnado ten que sacar o mellor do seu proceso de aprendizaxe. Ninguén sabe tan ben os seus obxectivos como un mesmo. Por iso, o papel dos educadores/as pasa por abrir fiestras a novos coñecementos, ser que ilumine novas aprendizaxes... é dicir, xerar curiosidade. Se iso funciona a metade do proceso está feito, porque será o propio alumno/a quen demande información. 

Cal é o papel dos pais/nais na educación dos nenos/as?

As familias, ou persoas máis achegadas, son modelos, son guías, son o tiesto no cal medramos. Ao final o ser humano, como calquer outro animal, aprende predominantemente por imitación, e aquelo que se nos marque nos primeiros anos de vida será o noso "software" para o resto de traxecto. 

Unha de actualidade... os móbiles na clase...

Os móbiles son un gran recurso educativo se saben usarse. Como calquera tecnoloxía poden axudarnos a procurar información, e a facer uso de apps que melloran a motivación do alumnado. Con todo, non deben convertirse nunha obsesión ou único medio de relación do alumnado coa realidade, debe ser un complemento. 

Entón, que opina de que a golpe de "click" se aceda a todo?

Precisamente, eu vexo iso como unha potencialidade, sempre que haxa mestres e mestras detrás ensinando a facer uso da información. Saber discernir entre información veráz e fake news supón manexar criterios de selección de contidos, algo que a sociedade da comunicación demanda para poder convertir ese material en aprendizaxe concreto. O que os pedagogos denominamos "aprender a aprender"

É a docencia unha profesión de estrés? 

A docencia é unha profesión de satisfaccións. Iso compensa os momentos de estrés e de máis apuro.  Eu creo que a frase "A culpa é da educación" estase a convertir nunha muletilla para derivar culpas  cara as xeracións máis novas, cargando de responsabilidade a profesorado e alumnado actual, como se xa non houbese outra maneira de mudalo nas xeracións adultas. Este feito creo que debería ser analizado nunha perspectiva máis ampla onde estudemos a causa real das problematicas sociais, e vexamos como diferentes profesionais (tamén os da educación) poden afrontar melloras e avances neste senso. 

Como cree que será esta xeración?

Dician na Grecia antiga que “Os mozos de hoxe en día adoran as cousas luxosas; teñen malos modais e desprezan a autoridade; mostran unha falta de respecto cara aos maiores e encántalles  platicar onde estean. Os mozos son hoxe en día uns tiranos e non son  serviciales nas súas casas. Nunca se levantan cando os maiores entran na casa. Lévanlles a contraria aos seus pais, falan diante da xente, comen lambetadas na mesa, cruzan as súas pernas e fáltanlles ao respecto aos seus mestres”.

Como podemos ver, as xeracións máis veteranas sempre observaron as máis novas como "peores", algo que se ven reproducindo ao longo dos séculos. Os mozos e mozas actuais serán máis hábiles dixitalmente falando e terán novas canles de comunicación, pensar máis aló diso sería algo esotérico. 

Noutro eido, é o director de Rebulir, cóntemos un pouco como nace e cales son os seus fins.

Rebulir naceu case de casualidade tras a unión da antiga Banda de Gaitas de Ramirás e a Escola de baile tradicional municipal. A partir de ahí establécese como unha Asociación Cultural e Xuvenil que procura dinamizar o rural, un rural con nome propio, Ramirás, a partir da cultura endóxena. Co cal, un activo grupo de mozas e mozos comezamos a plantexar proxectos nos cales aunar o factor lúdico-cultural co socio-educativo. E así comezamos a camiñar ata cumplir 15 anos de singradura neste 2020.

Cada ano organizan un par de festivais con moita repercusión, como se logra nun entorno rural logar tanta implicación?

É algo puramente natural. Falando, convencendo, e por riba de todo disfrutando de cada actividade programada. Hai que pensar que ao final o único beneficio que levamos de Rebulir son as vivencias e experiencias compartidas, e iso é a vela que ten que mover o noso barco. 

Que supón Rebulir para o seu entorno?

Bebemos das fontes da tradición e agora mantémolas con vida alén das fronteiras da Comarca e da Provincia. Por iso, esta asociación sitúase como un centro de dinamización e difusión con epicentro en Ramirás, pero con ramificación a todo Ourense e mesmo a toda Galicia. 

Rebulir tamén é unha oportunidade para volver ao rural, para xuntarse, e para fortalecer a filosofía do común. Neste senso, cada fin de semana ducias de persoas nos unimos baixo un mesmo teito cun fin único, e ademáis conseguimos que administracións, empresas, comercios, e particulares suban a mesma barca remando na mesma dirección, algo que se fai cada vez máis preciso no rural. 



Coa venia

1. Un libro na súa cabeceira.

- Agora mesmo ... "Crónicas dunha Avelaíña", de Lorena Álvarez".

2. Un disco que soe na súa casa.

- Moita música tradicional e "do país".

3. O primeiro que pensa ao erguerse.

- Poñer música.

4. O último que o fixo sorrir.

- Unha clase onde traballamos con dilemas morais na Facultade.

5. Daría un premio con urxencia a... 

- A todas e todos os docentes de Primaria, Infantil e Secundaria por facer comunidade día a día. 

6. Un recordo da súa nenez. - Lémbrome moito dos recreos, saídas e excursións na miña escola (Concepción Arenal, en Ourense).

7. Un lugar para perderse.

- A Ribeira Sacra.

8. Unha viaxe pendente.

- Roma.

9. Perde a calma con... 

- A impuntualidade.

10. Recobra a calma con...

- Unha boa conversa.

11. Un vicio confesable.

- Viaxar.

12. Un soño.

- Vestir un traxe de Peliqueiro.

Te puede interesar