EDUCACIÓN

Allariz tínguese de verde para reivindicar a terceira aula de educación infantil

As familias afectadas compartiron unha tarde lúdica no Fogar dos Maiores

nnn  A Anpa de Allariz reunirase a vindeira semana coa delegada territorial de Educación, María Luz Fernández. Se ben aínda está por definir a data e hora concretas do encontro, dende a Consellería aseguran que se producirá nos vindeiros días, tal e como tiñan xa solicitado formalmente os pais afectados. 

Mentres, as familias alaricanas continúan coas súas protestas de carácter lúdico para reivindicar a creación dunha terceira aula para 4º de Educación Infantil no CEIP Padre Feijóo, onde ata o de agora están matriculados 51 nenos. A última acción tivo lugar onte no Fogar dos Maiores. Alí, decenas de persoas merendaron e xogaron amosando a unanimidade das protestas; unha cita na que aproveitaron para dar lectura ó manifesto que recolle as súas peticións. Nel, lembraron que a súa posición "parte dun respecto absoluto á legalidade", que fixa unha ratio máxima de 25 alumnos por aula. É por iso que tratan de "defender a dignidade" tanto deles como dos seus fillos, segundo recolle o escrito.

Ademais dos artistas Peter Punk e Leo Arremecághona, os pais estiveron acompañados por numerosos representantes da vila, entre eles a alcaldesa, Cristina Cid, quen reiterou o seu apoio ás reivindicacións lembrando que o curso pasado, nas mesmas condicións de matrícula, si que se creou esa terceira aula.

O LUNS, CONCENTRACIÓN

Polo de agora e mentres non se fixe a reunión con Educación, os pais trasladarán as súas protestas ata a sede da Delegación Territorial en Ourense, comezando cunha concentración o luns ás 12 horas. O acto de onte é o terceiro que se organiza na vila, logo da Festa do BOE celebrada polas súas rúas e unha concentración na escola.

Te puede interesar