Amino convida ao alumnado a implicarse na prevención do abuso sexual infantil

Un de cada cinco menores en Europa é vítima de violencia sexual, segundo sinala a asociación Amino Galicia, facendo referencia a estatísticas de Unicef e a Organización Mundial para a Saúde (OMS). Para combater esta problemática a través da prevención e a detección, esta asociación impulsou o proxecto Poñendo os lentes, que busca levar a campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra a infancia Un de cada cinco aos centros de educación infantil e primaria das sete cidades galegas.

Co propósito de sumar voluntarias e voluntarios a esta iniciativa, as responsables deste proxecto ofrecen nas xornadas de hoxe martes e mañá mércores na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dous coloquios dirixidos a presentar esta iniciativa e a abordar a problemática dos abusos sexuais.

“Estas xornadas tratan sobre todo de concienciar ao alumnado de Ciencias da Educación de que o abuso sexual existe e que é moi necesario que os profesionais que traballan con menores estean formados”, sinala Isabel Pece, coordinadora de Poñendo os lentes no sur de Galicia, que na tarde deste martes protagonizou xunto a Bibiana Araújo, a coordinadora para a zona norte, a primeira das dúas presentacións que esta organización leva a cabo no campus.

O obxectivo desta iniciativa, sinala, é presentar ao alumnado “este proxecto pioneiro en España”, que se desenvolverá ata 2020, período no que proxectan achegar formación para a prevención e a detección da violencia sexual contra a infancia a máis de 350 centros educativos das sete cidades galegas. Un labor que levarán a cabo grazas á colaboración do alumnado que se sume como voluntario á iniciativa, que será o que se encargue de trasladar esta iniciativa aos diferentes colexios. Con ese propósito, Amino leva a cabo, coa colaboración das tres universidades galegas, unha serie de presentacións nas diferentes facultades de Ciencias da Educación de Galicia, que arrincaron en setembro na Escola Universitaria CEU de Vigo, centro adscrito á Universidade de Vigo, “grazas á que xa contamos con máis de 50 voluntarios e voluntarias” e que nestes días ten en Pontevedra a súa segunda parada.

Te puede interesar
Más en Universitas