ENTREVISTA

Ana María Villarino: "Cos lagares estamos poñendo en valor os nosos viños e o noso patrimonio”

Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra. José Paz
photo_camera Ana María Villarino Pardo.

A rexedora popular deste municipio e deputada provincial, Ana María Villarino, afronta o seu segundo mandato

A súa total dedicación ao Concello de Oímbra foi premiada cun incremento do 11 por cento dos votos nas derradeiras eleccións municipais. A rexedora popular deste municipio e deputada provincial, Ana María Villarino, afronta o seu segundo mandato fiel ao seu obxectivo de diversificar a economía e difundir o patrimonio da localidade para facer dela un lugar no que mozos e maiores queiran vivir. Tamén avoga pola colaboración máxima entre institucións e concellos, como recentemente fixo cun proxecto común con Monterrei para recuperar o Castelo de Lobarzán.

En que ten mudado Oímbra nestes últimos catro anos?

Penso que non é que cambiara, senon que Oímbra segue un camiño que está trazado e que é o do desenvolvemento. Traballamos no posicionamento do sector primario mediante os nosos produtos de horta e os nosos viños. Tamén iniciamos novos traballos no eido da castaña e do mel e xa temos a varios mozos traballando no tema da apicultura. Entre a horta, o viño, a castaña e o mel estamos atopando a fórmula para que os veciños se poidan asentar e vivir aquí.

E no eido das infraestruturas?

Seguimos traballando na mellora das mesmas, xa que son moi necesarias e, por outra banda, puxemos en valor o noso patrimonio, xa que somos un Concello con moita abundancia neste senso. Creo que debe ir da man do sector vitivinícola porque cos lagares estamos poñendo en valor aos nosos viños. Agora mesmo temos oito bodegas comerciais e, en breve, contaremos cunha máis. Dándolle ese valor ao noso patrimonio estamos facendo o mesmo co viño, porque se hoxe é afamado, moitos siglos atrás e dada a abundancia de elementos patrimoniais que temos, quere dicir que Oímbra xa era un territorio de viño.

Como afronta este novo mandato logo de ter acadado un respaldo maioritario?

Con moitísima responsabilidade, sobre todo, polo caudal de confianza depositado en nós. A miña dedicación ao Concello será absoluta e ofrezo traballo e ilusión para seguir mellorando.

Que medidas se están a tomar en Oímbra para paliar a perda de poboación?

Nós fomos pioneiros axudando aos desempregados que se deran de alta como autónomos en Oímbra. Xa nos orzamentos de 2016, os primeiros que fixen como rexedora, aplicamos esta medida. Tamén estamos traballando na adquisición de solo industrial e axudando ás familias á hora de mercar material escolar. Tamén ás empresas para a contratación de traballadores. Por último, queremos implantar unha residencia de anciáns.

Solicitou recentemente unha subvención co rexedor de Monterrei, cre que a cooperación é o camiño?

É clave non so para pedir axudas, senon para facer proxectos en común. En Monterrei, salvo Verín, somos concellos pequenos, e se cooperamos podemos facer da comarca un lugar máis atractivo.

Recentemente fixéronse públicos os salarios dos rexedores da provincia, e vostede percibe 40.000 euros, ¿cre que esta cantidade pode xerar controversia?

Eu teño unha praza na Xunta e teño unha excedencia forzosa por cargo público para dedicarme a esto en exclusividade. Establecimos o salario en base á lei, que pode ser moito ou pouco segundo a óptica dende onde o mires.

Te puede interesar