DEPORTE

Análise do impacto económico nos eventos deportivos

A doutora do Campus de Ourense, Jesyca Salgado, analizou o impacto económico do Obradoiro en Compostela e concluíu que cada seareiro gasta unha media de 50 euros.

O deporte move paixóns pero tamén moitas persoas e moito diñeiro. Os eventos deportivos son valorados cada día máis como un foco de atracción de turistas e de ingresos para a cidade que os acolle. Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Jesyca Salgado analizou o perfil e o nivel de gasto dos afeccionados ao baloncesto que se desprazaron a Santiago de Compostela para asistir aos partidos do equipo profesional Río Natura Monbus Obradoiro. Situando a media de gasto en arredor de 50 euros por encontro e persoa, a doutora salienta que se “pode concluír que as variables directamente asociadas ao aspecto deportivo inflúen sobre o comportamento de gasto dos asistentes aos partidos”. 

Dirixida polos docentes da Universidade de Vigo Ángel Barajas e Patricio Sánchez, a tese levou por título "Repercusión do turismo de eventos deportivos desde a óptica dos patróns de gasto e o impacto económico: aplicación a unha liga profesional". “O seu obxectivo foi analizar a repercusión económica dos eventos deportivos desde a óptica do comportamento de gasto dos asistentes, para mellorar a comprensión do impacto socioeconómico e sobre o turismo do territorio que acolle o evento”, explica. De forma concreta estudou os determinantes de gasto dos asistentes aos partidos do equipo Río Natura Monbus Obradoiro, da liga profesional española Endesa. O estudo, sinala a doutora, “analiza unha casuística non abordada na literatura ata o momento, abrindo paso a novas achegas tanto para a a área da economía do deporte como do turismo deportivo”.

Te puede interesar
Más en Universitas