Imprimir

A apaixoante aventura de ser scout

Cristina Rodríguez | 19 de Diciembre de 2018

Un grupo de scouts.
Un grupo de scouts.

Todas as persoas poden probar de balde as actividades antes de inscribirse

Foi no ano 2015 cando xurdiu a idea de crear o Grupo Scout Ilex 695, tras a experiencia dos fundadores noutros grupos semellantes. En outubro dese mesmo ano xa organizaron o primeiro campamento no que participaron 20 rapaces e rapazas. Este número foi medrando e na actualidad xa son un cento de persoas asociadas. O obxectivo sempre foi o mesmo, darlle a oportunidade aos máis cativos e cativas de participar na fermosa e apaixoante aventura de ser scout, vivenciando uns valores a prol dun mundo mellor, mediante actividades divertidas, emocionantes campamentos e accións de servizo público á comunidade e ao medio ambiente.

O Grupo Scout ILEX 695 é unha asociación con perspectiva educativa que busca favorecer o desenvolvemento do espírito crítico no proceso de crecemento persoal das mozas e mozos cos que traballan, facendo deles mellores persoas, activas e coa ambición de contribuír a construír un mundo mellor. Contan cun equipo educativo formado por persoas voluntarias, maioritariamente monitores e monitoras de tempo libre pero que ademais contan cunha formación moi heteroxénea que van dende profesionais, estudantes do eido social e educativo e outras carreiras máis técnicas o que da unha visión moi ampla, completa e multidisciplinar. Os rapaces e rapazas están agrupados por idades: lobatos e lobatas (de 8 a 11), scouts (11 a 14) e escultas (14 a 17) con cadanseu equipo de monitores que os acompañan e apoian no desenvolvemento das súas actividades. 

As propostas máis características e importantes do grupo son os campamentos, o feito de estar en contacto coa natureza é algo clave na súa metodoloxía educativa e aproveitan todas as oportunidades para saír ao campo, a montaña ou a costa e facer vida en contacto coa contorna. O Grupo Scout ILEX 695 conta con actividades semanais, cada sábado de 16:30 a 19:30 horas, participan en propostas que lles preparan os monitores ou ben as deseñan os propios rapaces para os seus compañeiros, sempre cunha perspectiva de educación en valores, pero cun enfoque divertido e atraínte, ofrecendo sempre estimulantes desafíos. 

Este curso están adaptando un novo local, onde as rapazas e rapaces teñen un papel fundamental, participando en labores de adecuación do local: construción de tabiques, elaboración de mobiliario, pintar e decorar. Deste xeito poñen en valor as súas capacidades, fan que sintan o local como seu e que este se adapte aos seus gustos e necesidades. 

Entre as actividades máis inmediatas está o campamento de inverno, que será no albergue de Portomarín, do 26 ao 29 de decembro. Tamén están a traballar no Encontro Scout Galego de 2020 en Ourense; e non deixan de darlle voltas á cabeza para chegar a tomar parte en eventos internacionais.

Todas as persoas que participan nas actividades do Grupo Scout Ilex 695 deben ser socias, por cuestións de coberturas de seguros e cumprimento de ratios legais, pero as cotas de participación son asequibles, contando incluso con sistema de becas para que todos teñan a oportunidade de participar nas propostas. En calquera caso sempre lle dan a todo o mundo a posibilidade de participar gratuitamente en actividades para que así poidan probar a experiencia antes de decidirse a inscribirse. Por outra banda, sempre buscan novas persoas voluntarias que se incorporen a este apaixoante e motivador mundo de educación non formal, ofrecendolles formación, equipamento e cubrir todos os seus gastos relacionados coa súa actividade como voluntarias.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/xornal-escolar/apaixoante-aventura-ser-scout/20181219115603843224.html


© 2019 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons