Aqueles situacionistas

20180816204611319_result

Retrato dunha xente promiscua e bebedora, que nos fala dun tempo con relacións perigosas e irrupcións sáficas

Un pouco ao aire de Françoise Sagan, aquela novelista que albeirara o mundiño literario (dos anos cincuenta, recén terminada a guerra máis dramática de todas) de entón, con “Bonjour, tristesse”, mais cunha retranca debedora do “situacionismo”, movemento detrás do maio parisino, e por extensión de todos os maios que daquela viñeran, aparecera en 1960 esta novela, de Michèle Bernstein.

Recuperada agora como secuela de algo do que fora, véxase a data, precuela (palabro feísimo mais perfectamente intelixible). Bernstein, en fin, casara co grande preboste situacionista, Guy Debord, e foi quen de camuflar a este na súa narración. O situacionismo, aportara momentos revolucionarios (e revolucionados) a todas as situacións. Dunha maneira ácrata “ma non troppo”, gamberra e -xa que logo- divertida, por non dicir pavera. Por aí os disparos da novela de Bernstein, ela mesma na súa novela, “á clef”, como se pode deducir; retrato dunha xente promiscua e bebedora, que nos fala dun tempo con relacións perigosas, parellas liberais e irrupcións sáficas para artellar tríos ou a piques de selo, Acontece que Michélle (a Geneviéve desta historia) bota riba súa o hábito de disfrazar as situacións e con elas a propia autora. Quen de deixar en punto supensivo, aberto como digo, o seu relato iniciático que se le hoxe, ao menos quen isto asina, como se non houbese un maña.
Seguro de que a literatura vira decote, como o mundo, e nunca debemos dar por morta unha novela porque –precisamente- as portas da ficción son xiratorias.

Deixémonos, pois, levar polo poderío desta “nouvelle”, que ten moito que ver, tamén, co Godard de “Band á part”, por exemplo. Aquel Godard que nos encendera co “madison” que ten a Ana Karina como epicentro nunha escena que inspirara a Quentin Tarantino. Non, o cuarteto de Bernestein, estimulado pola presencia de Heléne, tan nova, tan lectora a través das lecturas dos maiores (Gilles en especial), non baila outra cousa que ao seu son. Un son de asfalto e de campía, un son canfurneiro, falcatrúas e boureeiro. Que compre ler para decatarnos de que o mar estaba, con efecto, debaixo do asfalto. A traducción, do libro, espléndida, como da man de María Teresa Gallego Urrutia. 

Te puede interesar