Opinión

As árbores esquecidas

“En mis pagos hay un árbol que del olvido se llama...” 

Acantiga “El árbol del olvido”, de Alberto Ginastera, á sazón compositor arxentino, dame pé pra lembrar que ás árbores que temos nos nosos “pagos” -enténdase, espazos públicos- pasan por moi mal momento. En Ourense, o mantemento e coidado destes seres vivos que dan sombra e ornamentan a cidade, parece que nada interesa pra quen, por dicir algo, nos goberna. O herdado non ten interese pois, o alcalde so pensa en facer obras que marquen o seu paso pola cidade e deste xeito, nun futuro poida dicir: está artistada fíxena eu cando mandaba en Ourense.

Se camiñamos polas nosas rúas e parques e comezamos a contar as árbores secas e cortadas que hai, axiña nos decatamos de que o seu mantemento e coidado, nunha parte importante, non existe. E porei varios exemplos: as palmeiras do Posío e das Burgas, sitios turísticos, están mortas e sen vida; na alameda Bispo Cesáreo e na outra parte deste espazo público contabilízanse máis de 45 árbores entre secas e cortadas. E así poderíamos seguir. Se camiñamos polo Paseo, algo semellante. As árbores seica non dan votos nin protestan. Elas, que foron testemuñas mudas dos aconteceres, dos amores e desencontros, van morrendo, e con elas o concepto de servizo, pois dan sombra, beleza e ornamentación.

opi_22

Nada me estraña que, para quen se senta na cadeira do Concello, o termo de beleza, de benestar e de calidade de vida pasou a ser algo semellante a escoitar á música dunha charanga comparándoa con outras formacións musicais. Dado que a mesma peza tocada por unha boa banda ou unha orquestra sinfónica soa mellor e ten outro corte e peso cultural. 
A mediocridade está instalada na vida do noso concello. Nada se pode esperar de quen a nada aspira e soamente pensa en clave individual. E por iso, neste deambular municipal buscando ocorrencias, apareceu unha máis: cortar unha árbore que vive no medio dun espazo onde nada verde existe, e xustificalo porque seica tapa a traseira da Catedral. Ise argumento sen consistencia semella ás escusas dun mal pagador e, neste caso, servidor dos cidadáns.

De pena. Temos todos os xardíns escangallados, as rúas coas pedras rotas e tapados os buratos no casco antigo con formigón; temos esquecido o mantemento do que xa estaba e eiquí non pasa nada. Lembrades aquela TV que andaba buscando os buratos e esixindo que se repararan? Pois agora mudou e vende as glorias dun goberno, claro, esquecendo o que antes denunciaba. Porei un exemplo: na avenida de Pontevedra. á entrada da Praza Maior, levan máis dun ano varias pedras rotas e medio afundidas, e a ninguén do goberno do Concello parece importarlle. En Ourense non se coida nin repón unha árbore seca e, agora, un dos poucos cedros que gozan de boa saúde dentro dun mar de cemento e pedra, quéreno cortar porque seica impide a visión da parte menos interesante da Catedral. 

Os nosos pagos, xardíns e espazos públicos están moi mal coidados e a eles xa non poden ir os namorados a despenarse como di a cantiga de Ginastera. Esperemos que alguén dende o Concello lle poña remedio a este desleixo.

Te puede interesar