CULTURA

Un arquivo do século XIX avala o Camiño Rosendiano

Estado actual da rúa Colón, onde se situaba este Hospital de Peregrinos.
photo_camera Estado actual da rúa Colón, onde se situaba este Hospital de Peregrinos.

O documento, datado na Desamortización, remite a un "Hospital de Peregrinos" na rúa Colón

A aparición dun documento que remite á posible existencia dun Hospital de Peregrinos durante, cando menos, a última etapa de presencia benedictina en Celanova podería servir de impulso para que a vila avance na súa reclamación para que o Camiño de San Rosendo se recoñeza como ramal Xacobeo. Foi o historiador celanovés Javier Gándara quen chegou ó documento mentres buscaba información sobre a Desamortización de Mendizábal para o seu traballo de fin de máster no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. O inventario está asinado, entre outros, polo último abade de Celanova, Bonifacio Ruiz. 

En 1835 o Estado expropiou os bens e terras que ata aquel momento pertencían á Igrexa e, a raíz do proceso, a lei establecía a obriga de realizar un inventario de tódalas propiedades dos mosteiros e o de Celanova non foi unha excepción. É na parte do patrimonio inmoble onde se cita que, entre as edificacións que pertencían ó Mosteiro de Celanova, incluíase "otra casa sita en la calle Fuente Trigal, llamada Hospital de Peregrinos". Esta frase, que remite a unha vivenda situada na que hoxe se coñece como Calle Colón, podería servir como fío do que tirar para analizar a presencia de transeúntes que facían parada en Celanova no seu camiño cara Compostela. "Agora hai que investigar que tipo de peregrinos eran", explica Javier Gándara.

Non sería este o único documento que remite a unha estreita relacíon entre os sistemas monacais de Celanova e Santiago, senón que varios documentos falan tamén da existencia de propiedades inmobles do Mosteiro celanovés nas proximidades da Praza do Obradoiro, un dato que o Concello ten sumado ó argumentario co que vén avalando a súa petición do ramal Xacobeo para Celanova. A descuberta deste documento sobre a existencia dun "Hospital de Peregrinos" deberá seguir agora os seus cauces, tanto de investigación como administrativos na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, para determinar a viabilidade da declaración do Camiño de San Rosendo como ruta oficial a Compostela.


Celanova e a Baixa Limia, unha década de peticións


A reivindicación da declaración do Camiño de San Rosendo como ramal da ruta Xacobea cumpre xa 10 anos. Dende 2009, institucións e colectivos sociais das comarcas Terras de Celanova e a Baixa Limia levan solicitando este recoñecemento, amparado na historia documentada. 

O Camiño de San Rosendo estaría constituído pola ruta que une Braga e Ourense, onde o percorrido enlazaría coa Vía da Prata e a súa declaración oficial conta, ademais, co apoio das cámaras portuguesas de Braga, Amares e Terras de Bouro. Neste tempo téñense realizado andainas e xornadas reivindicativas e mesmo o grupo En Marea defendeu unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia defendendo a iniciativa. Hai agora un ano, Patrimonio amosou o seu compromiso de estudiar esta declaración de cara ó Ano Santo do 2021. Dende as comarcas implicadas téñense enviado varios informes ó Goberno galego que inclúen testemuñas como a construcción dun hospital de peregrinos en Verea, a propia Vía Nova ou o feito de que Celanova garde os restos de San Torcuato, discípulo do Apóstolo.

Te puede interesar