arte et alia

As veduttas de Pablo Otero

_no_museo_municipal_result
photo_camera Na Sala José Ángel Valente.

O proxecto inaugurouse na sala José Ángel Valente, a comezos de maio, e pasou en xuño ó Museo Municipal

Nas salas de exposicións municipais da rúa Lepanto, está a concluír 'Colpo di fulmine', de Pablo Otero Rodríguez (Ourense, 1970). O proxecto inaugurouse na sala José Ángel Valente, a comezos de maio, e pasou en xuño ó Museo Municipal, estraño movemento de mudanza. O rechamante proceder semella deriva, máis que acerto, pois cada sala ten unha unidade de acción. Malia a saturación temporal e a duplicación temática, o noso interese por este creador non mingua, apenas, pola chea de rexistros diferentes que amosa, como pintor e escultor. En 2013 xa afirmabamos que era un dos nosos grandes valores. Daquela presentaba en calidade de ilustrador 'Contos por teléfono' de Gianni Rodari, fermoso libro de gran calidade que viña de ser escollido entre os mellores de España. Tamén entón ilustrou o texto de Sara Canal Ortea, 'Cuatro ojos eyes', terceiro libro de Eurisaces Editora, de Ourense, novidoso proxecto infaustamente truncado. Nesta actividade anda como Pablo Otero 'Peixe' dende a década dos anos noventa. No decurso do tempo transcorrido, ten recoñecido que a súa obra "A desaparición do Norte", de 2011, foi semente para diversas series. E agora, cando acariña o final das súas primeiras catro décadas de vida, falándonos do seu percorrido, o dun tempo que os máis novos descoñecen, como se di en La Bohème...

Otero fai nas dúas sedes sucesivas desta exposición unha reflexión de seu, ampla e dual, na que nos amosa os seus camiños plásticos. Decatámonos así o moito que pesan as liñas de forza anteriores, a dos papeis de empapelar ou a utilización dos esmaltes sintéticos, procuras imaxinativas que teñen moito de exploración da terra incógnita, sentíndose dende a súa imaxinación, ante os compañeiros da tribo artística, como un adiantado do imperio español nas Indias. Este proceder, ten sido unha das mantras do movemento plástico das xeracións dos corenta, como a súa, e dos trinta. Moitas propostas teñen sido evanescentes, e consistentemente banais, polo alarde de baleiramento narcisista, mantido aínda por moitos deles. Así o Pablo Otero de 2003 con 'Anatomía da mentira', no Simeón. Mais o artista decatase nos últimos tempos, logo de vivir entre as liñas de xéneros e tendencias experimentando cos materiais, do valor expresivo da pintura, linguaxe que manda nesta exposición. E dende a iluminación, raio/colpo di fulmine, ou asombro, que o fai caer da burra, un longo proceso de ver dende a escuridade ata que aparece a luz. O tempo que se lle abre dirá se Otero matou a sombra, ou dende ela albisca o seu camiño. Por de pronto aquí semella ter atopado un, mais o peso dos pousos é grande, como mostran as reflexivas e poéticas instalacións. A da sala 0.0 do baixo do municipal, tan introspectiva, cos obxectos colocados no centro, entre grandes veduttas penduradas, sendo na outra e máis pequena, a do eixo, a que mellor reflicte as súas pescudas, fiestra que parece querer dicirmos como albisca aquela 'dudosa luz del día' que escribira Góngora no Polifemo e Galatea. O tempo dirá se queda enfeitizado polo marco efémero, como o debuxado nas fachadas dos edificios expositivos, ou atravésao.

Te puede interesar