Opinión

Ataques á agricultura

Non é ningunha novidade dicir que a agricultura en Galicia sempre foi maltratada e deixada da man de Deus. Sempre. Agora está peor ca nunca. Atácana polos catro costados. Dunha maneira ou doutra. O caso é machucar nas cabezas dos paisanos para que empecen a abandonar todo. Estes días tócalles ós da Limia, onde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil anda detrás dos pataqueiros polos depósitos de esterco. É dicir, que ti mercas un ou varios camións ou tractores de esterco e tes que esparexelo xa ó día seguinte se non queres que che busquen as cóxegas. Así fan coas normas que teñen para os ríos e para as fincas que lindan cos ríos, pensando que tomando medidas os ríos baixarán moito mellor. Cando todo o mundo sabe que o mellor remedio para a natureza é a propia natureza.

Seguindo cos ataques á agricultura galega, podiamos falar das explotacións lácteas ou de cando, na viticultura, ás bodegas se lles dá por dicir que non recollen uvas por exceso (ou sexa, porque veñen de fóra). E os gobernantes lávanse as mans. O agricultor que siga arando, o viticultor vendimando e o gandeiro que venda os becerros ó mesmo prezo dos anos 70.

Te puede interesar