O CARBALLIÑO

Atopan en Beariz un menhir de 6.000 anos de antigüidade

20190702194731479_result
photo_camera Alicia Garrido, da asociación, e Aurelio Ramos, xunto ó menhir.

A peza era utilizada como marco de delimitación de fincas por veciños da parroquia de Xirazga

Un equipo da asociación Capitán Gosende, que agrupa a investigadores sobre o patrimonio histórico da Terra de Montes, logrou  descubrir, a finais do mes de xuño, nun terreo ubicado en Beariz un menhir, un elemento megalítico de culto funerario da época prehistórica, e que ten un mínimo de 6.000 anos de antigüidade, según unha primeira avaliación por parte dos expertos. Foi Aurelio Ramos, un veciño da localidade de Alén, na parroquia bearicense de Xirazga, quen guiou ós integrantes do colectivo ata un lugar onde atoparon "o que no pobo lle chaman a pedra da parroquia, e que servía de marco para delimitar as fincas", apunta Carlos Solla, un dos investigadores.

Coa axuda dos pés retiraron o silveiral que cubría parcialmente a pedra e conseguiron poñela á vista, se ben o propio veciño indicou ós expertos que o marco era antes máis alto e que agora estaba tapado por moita terra ao seu redor. O elemento megalítico apenas asoma uns 55 centímetros do chan, e ten entre 50 e 70 centímetros nos seus lados, "pero podería ter soterrada unha altura de preto de dous metros", engade Solla.

O equipo de expertos decidiu rebautizar o achado, co beneplácito de Aurelio Ramos, como "a pedra de Xan Xil", na honra do que fora antigo propietario destas terras  nunha época que podería remontarse ata a Idade Media, tendo en conta a tradición oral recollida polos investigadores nesta parroquia de Xirazga.

A pedra dista 150 e 300 metros, respectivamente, das aldeas de Framia e Correa, e uns 150 metros da estrada que cruza a parroquia, e a 659 metros de altitude. Carlos Solla subliña que "coma todos os nosos achádegos, solicitaremos a súa catalogación por parte de Patrimonio, de xeito que este organismo sinalice a pedra e marque un perímetro de protección".


Investigación sobre patrimonio


A asociación Capitán Gosende, integrada por uns 12 membros e con base no municipio pontevedrés de Cerdedo,  foi creada no ano 2012  co obxectivo de levar a cabo investigacións sobre o patrimonio arqueolóxico, histórico e cultural  da Terra de Montes, que históricamente engloba tamén Forcarei, A Lama e Beariz. Neste mesmo municipio, integrado agora na comarca do Carballiño,  os investigadores tamén atoparon dous petroglifos en terreos de Ricovanca  e outro na Correa.

"O mes de maio foi especialmente frutuoso, pois engadimos ao inventario arqueolóxico de Beariz  dous menhires máis nos lugares de Framia e  naRegata de Arriba e outros tres  no pobo de Alén", lembra Carlos Solla.

Te puede interesar