Opinión

Aturarse polo poder

Ao largo da historia da humanidade sempre houbo xuntanzas de comenencia, matrimonios de interese e, sobor de todo, cantidade de negocios que sempre tiveron como obxectivo ter poder e, se é posibel, amasar fortuna. A condición humana maiormente traballa para ter e acadar satisfaccións persoais ou de grupo; mais poucas veces o fai por altruísmo e pensando nos intereses do colectivo. Ise obxectivo queda relegado para outro tipo de entidades que colocan unha serie de principios éticos e mesmo relixiosos por diante dos económicos.

Pois ben, moi perto de nós, na nosa cidade amañouse un matrimonio de intereses composto por dúas organizacións: unha política e outra individual, coa apariencia de política. E nese pacto de intereses so se perseguiu un obxectivo compartido: manter o poder provincial e chegar á alcaldía da cidade. Ou sexa: mandar nun espazo xeográfico en declive moi concreto e satisfacer o ego persoal de quen quería campar na cadeira do concello. Desta maneira, dous inimigos que antes non se aturaban e que se chamaban todas as lindezas habidas, xuntábanse para manter un poder e acceder a outro.

E chegou o intre de facer o primeiro balance anual, polo que comparece o alcalde e os seus para porse a sí mesmo unha nota dun nove. E como xustificación dixo que se atopara cun concello paralizado e noqueado e que el o puxera a camiñar. Evidentemente, esqueceu que el fora o culpabel da paralise. Días despois, o cabeza do grupo que sutenta ó sr. Jácome, ou sexa o do PP, sae dicindo que lle da un aprobado, e afirma que hai que facer cousas tanxibeis que a xente precisa. Tamén di que as grandes obras ás veces pouco ou nada arranxan e que o alcalde e o seu grupo deben ter altura de miras e un proxecto para a cidade.

Estas afirmacións, tan claras e rotundas, veñen a amosar que cada grupo deste goberno ve a realidade dunha maneira moi distinta. E percíbese que discrepan abertamente e que atúranse por pura comenencia. Mais vese que esta xuntanza de intereses non funciona.

Se hai uns meses a concelleira de Infraestruturas dicía que no urbanismo o alcalde nada tiña que dicir, agora sae o cabeza dos populares deixando co cú ó aire ó rexidor. Mentres, cantidade de cidadáns abraiados asistimos a un esperpento que ven a demostrar que os populares, por manter a Deputación e con elo o control da provincia, entregaron á alcaldía a un persoeiro do que sabían de antemán que con el as cousas non irían ben.

A política fai compañeiros de cama sumamente estraños e que non cadran. Desta maneira, día tras día, sae a luz unha mentira por boca dun alcalde que so fala de ocorrencias e ten que tragar sapos e sapos amargos como o das torres na ribeira do Miño. Un alcalde que enche o concello de liberados con soldos estratosféricos que carecen de poder e non son máis que parásitos.

Mais parece que non queda outra. Agora os dous grupos teñen que aturarse, mentres a cidade cae a cachos no desleixo máis absoluto. Estas son as consecuencias deses matrimonios forzados e de comenencia que soamente buscan poder.

Te puede interesar