Ocio

O autocine de Verín contará con espazo para 300 vehículos

Ignacio Vilar fala con Gerardo Seoane -no centro- no espazo que se acondicionará como autocine.
photo_camera Ignacio Vilar fala con Gerardo Seoane -no centro- no espazo que se acondicionará como autocine.
Cada coche ubicarase segundo as súas dimensións para que os usuarios teñan unha correcta visión

O vindeiro 21 de xuño Verín estreará o seu autocine e o Concello traballa nos preparativos para este evento novidoso na vila. Ignacio Vilar, director de "María Solinha" -o filme que se estreará no municipio- visitou este venres pola mañá o aparcamento centro, lugar que está sendo habilitado para o cine ao aire libre e no que tamén se servirán menús -o denominado como menú autocine- por parte de establecementos hosteleiros do municipio. 

Ignacio Vilar foi recibido polo rexedor de Verín, Gerardo Seoane, e por Begoña Vázquez, que acudiu en representación da Asociación de Hostaleiros da comarca de Monterrei. Durante a visita, repasáronse os aspectos fundamentais que conforman a loxística necesaria para o correcto funcionamento deste servizo audiovisual, así como os requisitos para a implementación do servizo de menú, no que participarán varios restaurantes membros da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (Aehcom). A comida distribuirase a través da nova plataforma de entrega de produtos locais a domicilio: Rumbo.

Dende o Concello de Verín aseguraron que o mencionado aparcamento contará con espazo para 300 vehículos, aínda que nas vindeiras semanas e coa colaboración de Protección Civil delimitaranse as distintas áreas. Cada coche terá un número e ubicaranse atendendo ás súas dimensións e características para que todos os espectadores teñan unha correcta visión dende os seus asentos. 

No autocine de Verín, a proxección poderase seguir dende os vehículos, sen necesidade de contacto físico algún nin de baixarse dos coches, e as entradas estarán dispoñibles en ataquilla.com

Como xa adiantou o Concello de Verín o pasado 15 de maio, Ignacio Vilar estará presente no evento. O director contará, á súa vez, coa compañía de todos os actores e actrices da peza audiovisual de Vía Láctea Films nesta premiere que xa espertou un grande interese na vila do Támega. 

A película é a reconstrución da historia de María Solinha, acusa de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da cinta sufre, en pleno século XXI, inquietantes ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.

Te puede interesar