rabo de nube

Autoficción XL

Margarita García Robayo  é autora dun libro de fermosura radical
photo_camera Margarita García Robayo é autora dun libro de fermosura radical
“Primera persona” incorpora a súa autora a ese mundo de mulleres guerreiras que están revirando todo, remexendo en todo, criando novas perspectivas e revoltando o panorama.
Isto da autoficción (eu chámolle por brincadeira, “autosatisficción”) é algo tan vello como o mundo. Ou sexa, que xa non é que soamente os escritores anden a falar deles mesmos (Unamuno dicia que tal facía porque era quen tiña máís de man) senón que mesmo os críticos ao reseñar proxectan –dalgunha maneira- a súa biografía. O que fai, deixando caer a súa vida en fervenza, fervendo pois, a colombiana Margarita García Robayo. Nun libro tan explícito que se adentra nas vivencias, ás veces moi arrebatadas, da autora, cunha estratexia na que se misturan relatos breves (case), poesía en prosa (por momentos) e columnas de prensa (diríase) ao Leila Guerreiro (outra que tal baila, rompendo as raias, superando as fronteiras do previsible). Mais acontece que semellante explicitude, poisque estamos diante dunha autora exquisita, incorpora canto de beleza violenta aporta a sinceridade, tantas veces brutal, dunha autora que logra, ademais, facer implícito o don da elipse, reservado a quen de verdade sabe escribir. Estamos, pois, diante do libro dunha muller que agacha ben poucas cousas e sabe deseñar o mapa vital, sexo con amor, sexo sen amor, amor sen sexo e –por riba de todo- as figuras dunha nai chifreta e un pai maior de máís. Isto último, se cadra, cerne e xermolo do que ha ser unha fixación na vida sentimental de García Robayo. Autora dun libro de fermosura radical que incorpora á autora a ese mundo de mulleres guerreiras que están revirando todo, remexendo en todo, criando novas perspectivas, revoltando o panorama. E agora apetece, a mìn ao menos, poisque veño de coñecer a esta autora, revisar a súa obra anterior. Esta muller escribe con esa forza que outorga a delicadeza de quen sabe xestionar a súa vida, facendo dela literatura, mesmo sen desprezar o famoso “fingimento” de Fernando Pesssoa. Falar dun mesmo, xa se dixo, cousa tan vella como o mundo. Autoficción, dinlle agora. Por máis que Flaubert xa deixara ben clariño que “Madame Bovary c´est moi”. Margarita García Robayo, ¡que grande!, tamén. Volveremos a ela. De momento a por ese libro de contos “Cosas peores”, que xa me está chamando. Non a berros. Caladiñamente. Cal a escrita de Robayo. Ese apelido que sempre confunden. Seica.

Te puede interesar