audiovisual

A Baixa Limia volta a 1492 nunha película histórica

bande
photo_camera Armada, Pérez, Baltar, Martínez, Girón, Delgado, Sutil e Gómez Villar, na aldea de Xordos, en Bande.

A película estase rodando en zonas de Entrimo, Bande, Lobios, pero tamén Avión e a Serra do Suído

"Eles transportan a morte" é unha película con dúas historias ambientadas en 1492. Por unha banda, dous homes foxen das naves de Cristóbal Colón e chegan a unha illa. Ó mesmo tempo, dúas mulleres viaxan en busca dunha pastora que lle procurará a sanación a unha delas. Esta segunda rama do filme é a que emprega como escenario as paisaxes da Baixa Limia, paisaxes que a productora do proxecto, Beli Martínez, califica de "impresionantes", considerando que é "das máis bonitas e menos coñecidas" de Galicia. 

Durante as últimas tres semanas, o equipo ten traballado nas zonas de Entrimo, Bande, Lobios, pero tamén Avión e a Serra do Suído para compoñer unha historia que agora se traslada ata Tenerife para poñerlle fin á rodaxe desta coproducción galego-canaria dirixida por Helena Girón e Samuel Delgado, e que previsiblemente se estreará ó longo do ano 2020. Polo momento, está asegurada a súa proxección na vindeira edición do festival de cine de San Sebastián. 

Aproveitando a filmación na aldea de Xordos, en Bande, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quixeron achegarse a coñecer os detalles da estadía na zona do equipo de "Eles transportan a morte", composto por un total de 30 persoas. Na súa intervención, Baltar lembrou que se trata da cuarta rodaxe que a provincia acolle ó longo dun ano, algo que a sitúa como "un plató de cine" e que se reforzará coa a incorporación dunha partida económica nos próximos orzamentos provinciais coa fin de financiar proxectos cinematográficos que inclúan escenarios na xeografía ourensá.

Te puede interesar