Opinión

Baixo un sol queimón

Agora que levamos tantos días con mal tempo, a xente acórdase do sol. Eu tamén me acordo do sol. Pero non porque o estea desexando; sinceramente, dáme igual. Tan só desexo que non me chova cando teño que sulfatar. Non obstante, se me acordo do sol é porque este me fai retroceder ós anos da nenez e da xuventude, principalmente na época en que había que regar os terreos, as hortas. Quizais por fanfurriña, quizais por non querer durmir a sesta (agora, coa idade, unha cabezadiña...) ou quizais para ter libres as tardiñas para así xogar cos amigos na Aira de Arriba (os pouquiños minutos nos que me deixaba a nai), digo que quizais por todo iso, eu prefería regar os terreos ás tres da tarde, baixo un sol deses que, a certas idades, xa che dá algo así como unha insolación. Pero eu, de rapaz, pillaba aqueles dous cubos e a peito descuberto moitas veces (aínda que o ensinar os ósos non me gustaba moito, mais sabía que a aquelas horas non había un alma polas rúas) ía da fonte á Cortiña e desta á fonte pois unhas vinte ou trinta veces; regando todo o que se pode regar: desde os chícharos ós feixóns, desde os tomates ós pementos, e ata as propias patacas. Paseos e máis paseos pola carreira da Cortiña baixo un sol queimón.

Te puede interesar