Opinión

Balada de trompeta de Rubén Simeó

Había unha canción preciosa do gran Raphael que se titulaba así “Balada de la Trompeta”, na que o artista demostraba por qué era xa daquelas un referente no mundo da canción e do cine musical, cando caracterizado de paiaso  interpretaba ese tema na película “Sin un adios” alá polo ano 1970, dirixida por Vicenta Escribá e coa banda sonora de Waldo de los Ríos, quen entre outros éxitos versionou despois para Miguel Ríos o “Himno da Alegría”.

A trompeta é un deses instrumentos que nos pon a pel de pita, como ocorre cada vez que o vigués Rubén Simeó fai que o instrumento brille con luz propia facéndonos conter o alento, sexa con obras clásicas ou sexa con melodías ben coñecidas polo gran público, como “Cartas Amarillas” de Nino Bravo ou a nosa marabillosa “Lela”; cancións que eu lle puiden escoitar en directo nun recente concerto celebrado en Portugal no Auditorio de Monçao.

Rubén Simeó pertence a esa xuventude galega ben preparada que percorre o mundo sorprendendo coa súa arte. Un rapaz ao que coñecín hai pouco cando se me presentou dicindo “eu son un neno de Supermartes”, xa que naceu xustamente o ano no que eu comezaba a miña andadura televisiva; de feito sempre se dirixe a min cariñosamente chamándome “capitán”, seguramente recordando aquel “Capitán de Madera” que gravei hai anos e co que fixemos un simpático video moitos compoñentes  do equipo do programa. 

Nos catorce anos que durou “Supermartes” o amigo Rubén Simeó tivo tempo de aprender moito e medrar no seu oficio, colleitando premios nos mellores concursos internacionais por toda Europa, triunfando con tan só oito anos en Madrid, Italia, Francia, Bélxica, e aparecendo en prestixiosos programas de televisión. Aos doce anos namora á audiencia actuando como solista no Concerto de Navidad da Orquesta Sinfónica de RTVE e gravando o seu primeiro disco “Ensueño”. A partires de aí comeza o seu periplo por medio mundo acompañado do seu pai, tamén prestixioso músico valenciano, dando recitais e impartindo clases maxistrais; cruza todos os mares e salta desde Vigo a Estonia, a Turquía ou a Alemaña, dando o salto a Costa Rica, Venezuela, China ou Xapón, onde cada vez que vai, e xa son moitas as viaxes, acóllenno como na casa. Deste último País fala marabillas o amigo Rubén, e de feito moitos dos seus discos son gravados en terras niponas, onde despois de cada concerto as ringleiras de persoas que o agardan no hall para a firma de discos convértese nunha deliciosa obrigatoriedade, podendo pasar horas ata que remata de compracer a todo o auditorio. 

Recibe na cidade alemá de Stuttgar o Premio Europeo da Cultura como recoñecemento á súa brillante carreira, mentres segue actuando en lugares tan fantásticos como a catedral de “Notre-Dame” de París, retransmitido pola televisión francesa, ou gravando novos discos como no que se acompaña da Orquesta Sinfónica Kanazawa de Xapón, facendo sempre un oco para impartir docencia semanal no Conservatorio cacereño de Plasencia.

Agradézolle que fixera un oco esta semana para conversar conmigo na Radio Galega antes de emprender unha nova viaxe a China para tocar e impartir docencia. E na entrevista confésame que aínda ten cravada unha pequena espiña, a de non ter actuado na súa querida casa, a cidade de Vigo. Algo haberá que facer para remediar este pecado.

Te puede interesar