Opinión

A banalización da hipérbole

Oculto lector sabe que a hipérbole é un recurso ou figura literaria que consiste na máxima esaxeración. Dicir, por exemplo, “morrín de risa” ou “onte había un millón de persoas polos viños”. Así, non só no mundo da literatura senón na propia expresión da fala cotiá usamos todos, continuamente, hipérboles; as máis das veces cun aire de simpatía e con comparacións moitas veces animais e estrambóticas. 

Pero creo que se as hipérboles se trasladan ao mundo das relacións sociais, tenden a ser confundidas coa realidade e de aí a fomentar posturas moi pouco razoables. E debemos ter en conta que o refraneiro, ao tempo que nos sinala a liberdade de palabra –“o falar non ten cancelas” –, fai tamén un apelo á responsabilidade con “as palabras cárgaas o demo”. Polo tanto non é o mesmo dicir unha cousa que outra e todos sabemos que nas relacións entre as persoas, a calquera nivel, público ou privado, o coidar as palabras é fundamental. En fin, debemos, creo, evitar ese “lume de pallas” que son as hipérboles e non esquecer que, á parte de seren ácidas, as palabras poden ser balsámicas. E a defensa das opinións propias non ten que vir tinguida de insultos aos demais.

Isto vénlles a conto dunha foto que vin días atrás neste xornal no que unha persoa, seica pensionista, en lexitima reivindicación dos seus intereses, sostiña unha pancartiña que levaba escrito “Non ó terrorismo de estado que mata a xente de fame”. Vamos ver. A xenerosidade dos pensionistas cos seus familiares fixo de amortecedor da crise de forma magnífica, pero non é función das pensións soster varias xeracións de forma indefinida. Os camiños, obviamente, teñen que ser outros. A construción e mantemento do estado social e de dereito que temos é unha cousa moi complicada e cara, na que hai que equilibrar -como en calquera casa- ingresos e gastos. Para influír na dirección deses balances un pouco máis aquí ou un pouco máis alá, está a participación política. Dentro do respecto ao propio esforzo colectivo que facemos todos os traballadores que sostemos o sistema hoxe e queremos que siga mañá. Por sorte, nesta sociedade que nos tocou vivir, hoxe non é imprescindible estar obsesionado coa fábula da cigarra e da formiga, nin no refrán que me dicía a miña avoa –“Hai que traballar cos dentes para comer coas enxevas”, ou sexa, de novo para cando caian os dentes- pero tampouco convén perder de vista de todo fábula e refrán, vista a volatilidade do mundo actual. Si. Ao lado da defensa dos nosos intereses e dereitos -cousas distintas, claro- debemos reforzar o noso compromiso connosco no futuro.

Máis hipérboles. Hai na pasarela do Vao unha pintada, dun dos fascismos posibles, que di: “Expropiémoslles o monopolio da violencia”. Ah. Se non fose hipérbole xuvenil e insensata, sería unha ameaza á liña de flotación da democracia occidental na que unha das poucas premisas asumidas globalmente é que os cidadáns cedemos unha pequena parte das nosas responsabilidades -neste caso a defensa e represión coercitiva dos delitos- ao conxunto. Policía Local, Nacional, Garda Civil e demais corpos da seguridade son de todos nós. E o monopolio da violencia en mans colectivas é garantía de liberdade. 

En fin, empecemos a nova xeira anual con calma e moderación que ben nos cómpre a todos. E aos que non saben, ensinésmosllo. É obra de misericordia. 

Te puede interesar