Opinión

Bandido

Son un bandido dos tempos de agora, que sento nun penedo para roubarlle uns cantos raios ó sol. Ás veces tamén se me dá por roubarlle sorrisos á xente ou miradas que van máis alá dun sentimento. Son un bandido que me instalo baixo un balcón para esperar. Espero a que unha rula aniñe na silveira dun mañá. Dese mañá que empezará e que quizais non teña nunca final. Porque ó ser bandido roubareille tempo ó tempo e con este farei e desfarei segundo o meu entendemento.

Son o bandido que lle rouba un tema musical á banda sonora de “Forrest Gump” e ese facho á man alzada da estatua da Liberdade. Son o bandido que quere asaltar o Congreso dos Deputados, pero está moi velado. Teño que conformarme con roubarlle os soños ós leóns instalados no pedestal dunha vixilancia eterna. Cubro a cara coa carantoña da pandemia e percorro as bancadas roubando olladas de cólera, olladas irritadas.

Son o bandido dos tempos de Espartaco, nos que roubo doncelas que non me fan nin puto caso. Que bonito sería un simple abrazo! Menos mal que me conformo co grallamento dun gaio. Sempre me conformei con pouca cousa. Por iso son un pobre bandido que non sei nin roubar. Nin tan sequera sei roubar os soños, as ilusións de ninguén. Non obstante, e que non se vos esqueza, sempre serei o bandido das pingas de orballo e desas quimeras que están por aí, acochadas, poida que inútiles, pero servibles para encher unha caixa forte, a miña caixa forte.

Te puede interesar