Entrevista

Bieito Alonso: "Houbo tres ourensáns relevantes no anarquismo galego en América"

undefined
photo_camera Bieito Alonso, premio da Crítica de Galicia 2020 na modalidade de investigación (ALOIA ALONSO).
Bieito é o autor de "Anarquistas galegos en América", Premio da Crítica de Galicia en Investigación

A cuadraxésimo terceira edición dos Premios da Crítica de Galicia recoñece a Bieito Alonso (Ourense, 1958) na modalidade de investigación, pola súa publicación "Anarquistas galegos en América". O xurado destes galardóns, outorgados onte pola Asociación Premios da Crítica de Galicia, salientou a " investigación rigorosa, propia e sintética", así como a " lucidez historiográfica" e a "visión transnacional e inclusiva da loita pola xustiza social desde perspectivas ideolóxicas e organizativas do anarquismo; entrelazado do tema da emigración". Alonso toma o premio coma un "estímulo, con ilusión porque se valora o traballo".

Quen eran estes anarquistas galegos?

Esencialmente emigrantes. A inmensa maioría, cando se vai, non ten pensamento ideolóxico definido. Son moi novos, marchan con 12 ou 13 anos e fanse anarquistas na emigración en América.

Que inflúe para que fosen anarquistas xa na emigración?

Son traballadores non cualificados: estibadores, panadeiros, mariñeiros... O lóxico é que haxa dúas vías de contacto co anarquismo: o sindicalismo, porque algún destes oficios son oficios con presenza importante do anarquismo en Arxentina, México, Cuba...A segunda vía posible, que terá que seguirse investigando, é a perspectiva emocional: a represión contra os anarquistas foi sempre moi intensa. Ese choque é posible que os achegase aos reprimidos. A formación ideolóxica é outra cousa. No caso de Arxentina, hai oficios coma os panadeiros que cando os galegos se insertan, xa existen outras persoas que puxeron en marcha sociedades de resistencia.Foron aprendendo uns dos outros. 

Atopou biografías de ourensáns?

Hai unha presenza do anarquismo galego de ourensáns non pequena. Hai tres persoas con relevancia. Manuel Rey García, nacido en Castrofolla (Petín). Vaise  a Cuba con 12 anos. Acaba vivindo en Estados Unidos e converténdose no dirixente dos mariñeiros do porto de Philadelphia. É un dos persoeiros máis importantes do sindicalismo mariñeiro. Despois é vítima da represión dos Estados Unidos durante a primeira Guerra Mundial e acaba preso.  Outro é Manuel Rodríguez, de Lamas (Cea). Era fotógrafo, escapou para non ir á guerra e remata nas obras do canal de Panamá. Pon en marcha a Federación Invididualista do canal. Lanza o periódico "El único" e un dos nomes cos que asina é Intransigente. O terceiro ourensán  é de Borrán (Vilar de Barrio), asina como Jorge de Borrán. 

Tiveron contacto os ourensáns?

Borrán e Rey si, porque Borrán acaba en Estados Unidos. Borrán pon en marcha unha revista chamada "América" e son os que se quedan co anarquismo de fala española nos Estados Unidos. Aínda que non son demasiados os ourensáns do anarquismo galego en América, teñen relevancia.

O libro desterra prexuízos sobre a concepción da emigración galega a América?

O libro abre unha prota a unha visión diferente da emigración. Non emigraban os máis pobres de todo, senón que tiñan que ter algo. Hai moitas expectativas e a emigración non deixa de ser unha marca que persigue ao ser humano desde o principio. Temos que ter unha perspectiva máis aberta da emigración, que non se reduce á cuestión económica. E hai que quitar o vitimismo, como se a emigración dos galegos fose unha lousa negra por riba de nós. 

Te puede interesar