O BNG considera que Valdeorras sufrirá unha “invasión eólica"

María Albert, deputada do BNG: "Galicia produce máis do dobre de enerxías renovables das recomendadas pola Unión Europea"

María Albert, deputada do BNG, presentou este luns, acompañada de Roberto Quiroga, o responsable comarcal da organización de Valdeorras, e os concellais Avelino Fernández e Suso Vilasánchez, a postura da formación nacionalista en relación aos 10 proxectos eólicos que se están a tramitar neste momento entre a Xunta de Galicia e o Goberno central e que afectan directamente a esta comarca.

Albert criticou a "invasión eólica" á que se "pretende someter á comarca a través de diversos megaproxectos que suman ata 117 aeroxeneradores e 16 torres meteorolóxicas para unha potencia de 840 Mw", ademais da fragmentación de proxectos para evitar trámites e garantías ambientais, e do importantísimo impacto ambiental de todos estes proxectos. 

Estes, que "inzarán Valdeorras de torres de ata 200 metros e de ata catro novas liñas de alta tensión, supoñen ao tempo afeccións sobre o terreo, o patrimonio, espazos protexidos, especies de animais e distintos cursos de auga". Pola súa parte, Roberto Quiroga destacou que o BNG está mantendo xuntanzas con distintos axentes sociais afectados polos eólicos e que tratarán o tema en profundidade.

Así, a deputada nacionalista subliñou que, a día de hoxe, "Galicia produce máis do dobre de enerxías renovables das recomendadas pola UE para 2030", e cuestionou que "un país excedentario en enerxía teña que levar a cabo un modelo tan explosivo de desenvolvemento eólico". 

Te puede interesar