Opinión

Boa viaxe, Don Íñigo

Todos os sábados, cando imos para Ramiras, en Castrelo de Miño, sempre poño a radio en RNE no programa “No es un día cualquiera”, de Pepa Fernández. Porque me parece un programa moi ameno e con moito interese. Non obstante, no programa deste sábado pasado, axiña notei algo raro, principalmente no ton de voz da locutora. Comenteille o detalle á muller e esta pensaba que se debía ó asunto da ETA (porque estes días non se fala doutra cousa). Pero esa voz tan triste de Pepa Fernández non me cadraba. Axiña se emendou o torto: acababa de morrer José María Íñigo. Sinceramente, a min tamén me impresionou. Quedei abraiado, medio pampo. Era un crack. Coñecino de sempre, de cando asomou por Televisión Española cos seus marabillosos programas. Pero quizais, onde mellor o descubrín foi precisamente en “No es un día cualquiera”. Nas súas seccións ou cada vez que falaba el, eu ás veces é que me partía. Nunca o imaxinara tan divertido. O de bo comunicador xa se presupón, pero que a isto lle achegue unha bonanza e  un faladeiro tan gracioso non o consegue calquera. Íñigo, cunha simple frase facía rir ó auditorio. E cando falaba das súas viaxes... uff. Por certo, boa viaxe, don Íñigo.

Te puede interesar