Opinión

Boi en Vilaboa

Vaia por diante dicir que eu non son ningún experto gastronómico, e moito menos un estómago agradecido, deses que a conta de que son grandes “influencers”, pretenden comer nos mellores santuarios da gastronomía pola súa cara bonita. Teño un gran interese por saber en que Universidade conceden ese título.

Dito isto, é o momento de contar que hai unha semana dinme unha reconfortante homenaxe na Casa Rural “Vilaboa”, aproveitando que aínda non remataran as “Xornadas da Carne de Boi” de Allariz, que cada ano son o deleite de centos de padales que degustan a gran variedade de ofertas, tanto na preparación do producto como no prezo a pagar, que permiten saborear dende unha económica e riquísima tapa no momento do vermú, ata un excelente chuletón de “falar con Deus” á hora do xantar; ou as dúas cousas se toca ese día poñerte flamenco e tirar a casa pola ventá, antes de que o maldito bicho non nos deixe facer nada, nin sequera gastar o pouco ou moito “forrollo” do que dispoñamos.

E a min tocoume o pasado domingo gozando, como case todas as semanas que non chove, do sol e do palique na Praza ou nalgunha das fermosas e animadas rúas alaricanas, onde vou saudando a quen vou atopando polo camiño, sexan as irmás Caché e Potota Oro, os meus amigos da infancia Ventura, Tito, Carriega, Pío, Angelito, Urbano, Paco, e moitos outros, sen esquecerme da amiga Sira Domarco que sae á porta da súa coqueta Tenda de Moda na rúa do Portelo para saudarme e preguntarme que tal estou. Non son poucos os amigos de Ourense capital cos que me atopo moitas veces, cousa que non ocorreu hai sete días polas restricións de circulación, que fixo que na Vila e Corte se notase un baleiro importante, cos locais prácticamente sen clientes e cun peche das “Xornadas” bastante triste. Por haber ata había mesas libres na sempre concorrida terraza do Bar Novo, na Barreira, que cada domingo prepara uns marabillosos callos servidos co sorriso sempre encantador da miña querida Yeney.

E desto falamos co amigo Carlos, da “Casa Rural Vilaboa”, mentres o seu persoal nos servía unha deliciosa ensalada de perdiz e un chuletón de boi fileteado para grellar na mesma mesa cun sabor dificilmente esquecible; unha auténtica homenaxe para os sentidos e para eses marabillosos animais criados e mimados nos pastos de Penamá.

Á hora dos postres, con castañas por suposto, comentabamos con este excelente chef que se non fora polo maldito virus, o gran salón que preside o seu establecemento, e máis os comedores reservados, non chegarían a nada para acoller aos clientes habituais destas “Xornadas” chegados desde todos os puntos de Galicia, e que así sería igualmente no resto dos restaurantes da Vila.

Agradezo coma sempre o estupendo trato recibido, nun lugar onde eu xogaba de pequeno entre as pedras onde noutrora se fabricaba o coiro, e que está moi próximo á forxa da miña familia, os ferreiros de Vilaboa, tan coñecidos e queridos, non soamente na comarca, senón en lugares tan alonxados como Santa Comba ou Ponferrada, a onde eu fun en máis dunha ocasión acompañando ao meu pai no “Catro Latas”, cun pesado cargamento de arados por aquelas temibles curvas dos Codos de Larouco.

Por suposto un dos brindes que fixen co estupendo tinto que nos recomendou Carlos foi na honra del, que estaría encantado de verme gozar nesa querida Vilaboa que marcou toda a súa vida.

Te puede interesar