Opinión

Bolsonaro emprega a fotocopiadora

Jair Bolsonaro é un referente do xiro á dereita no país máis poderoso da América Latina, tanto en  povoación (rente de 210 millóns de habitantes), extensión (máis de 8 millóns de quilómetros cadrados), e porque se trata da 8ª economía do mundo en PPA (uns 3,2 billóns de dólares). Agora ben Bolsonaro seguindo a receita de Trump non deixa de tomar decisións e realizar declaracións que mesmo son cuestionadas polos partidos sistémicos e estruturas de poder, das que necesita pra governar. E facendo realidade o dito de que a copia é peor que o orixinal. 

Este é o caso da decisión de Bolsonaro pra que o Ministerio de Defensa conmemore o día do golpe de estado contra João Goulart. Este golpe formou parte do chamado Plano Cóndor (alentado por Washignton), que se alargaría a países como Chile, Bolivia, Paraguai, Uruguai e Arxentina, instalando ditaduras militares, e deixando un regueiro de mortes, desaparicións, persoas torturadas e retrocesos sociais e democráticos. Calcúlase en 1.196 as persoas mortas e desaparecidas, así unhas 70.000 as afectadas directamente pola represión no Brasil. Polo tanto non se fixo esperar unha reprimenda da Procuradoria respecto de que a conmemoración é incompatíbel coa democracia, xa que “o Golpe de Estado de 1964, sem nenhuma possibilidade de dúvida ou de revisionismo histórico, foi um rompimento violento e antidemocrático da ordem constitucional”. 

O 31 de marzo de 1964 os militares brasileiros depuxeron pola forza ao presidente João Goulart, líder do Partido Trabalhista Brasileiro e herdeiro político de Getúlio Vargas, un militar nacionalista que transformou o xigante latinoamericano. A ditadura militar durou até o ano 1985. Lembremos que Goulart que fora electo vicepresidente subsistiu a Janio Quadros en setembro de 1961. Este dimitiu despois de tomar decisións contraditorias, que lle restaban apoio da esquerda e o confrontaban coa dereita. Foi durante o governo deste último que Brasil recoñeceu como refuxiados políticos a Xosé Velo (nado en Celanova), Galvao e ao grupo de galegos e portugueses que tomaron o barco Santa Maria (en febreiro de 1961), pra denunciar as ditaduras do Estado español e Portugal. Esperaban alentar o levantamento anticolonial na África portuguesa e un efecto domino sobre o centro. 

O programa de Bolsonaro, como o de Macri na Arxentina, é moi sinxelo, reducir a débeda pública e os impostos ao capital, rebaixando as prestacións laborais, salarios, pensións, e privatizando o sector público. Así, seica aumentaría a competitividade e acadaríase o pleno emprego. Nesta liña vai a reforma actual da previsión (pensións) que se debate no Parlamento, pra aumentar a idade e outros requisitos, e o apoio aos fundos privados, polo que choca cunha forte oposición,  máxime cando outorga condicións de privilexio aos militares. Esta proposta é un paso máis que se suma ao retroceso nas condicións laborais da reforma de Temer, que implicou, entre outros, que os acordos privados prevalezan sobre os convenios colectivos, xornadas de até 12 horas, etc.

Estas medidas debilitan o consumo interno, especialmente de bens e servizos producidos no país, e o medre das exportacións termina anulándose co das importacións de bens de maior valor engadido prás clases altas e medias altas. Ademais, a competencia internacional centrase en factores moi limitados, na deflación laboral e na aportación de calidade, e neste último aspecto as grandes potencias e corporacións teñen décadas de vantaxes e un sistema que lles é funcional e controlan. Daquela que as vantaxes competitivas a través dos axustes sociais ou non teñan eficacia ou duren moi pouco tempo. A globalización neoliberal é un sistema consubstancial coa concentración e centralización do capital; sen anulalo ou superalo non hai saída. 

Te puede interesar